O Goberno habilita unha web para buscar as zonas con cobertura de banda larga

xoves, 14 de maio do 2009 Raquel Noya

O Ministerio de Industria, Turismo e Comercio, vén de estrear unha aplicación web que lle permite aos usuarios comprobar se existe cobertura de banda larga nun núcleo de poboación concreto de toda a xeografía española, incluído o rural.
A ferramenta, que dispón a información nun mapa de España dividido por provincias, ofrece, asemade, información sobre a tecnoloxía empregada e o operador ou operadores encargados de prestar o servizo nas zonas cubertas por programas de axudas subvencionados polo devandito organismo público.
Entre as actuacións que se poden localizar a través do buscador, tamén se inclúen as do Programa de Extensión de Banda Larga (PEBA), que levou conexión de alta velocidade ás zonas rurais e illadas da nosa xeografía, beneficiando a máis de 8 millóns de habitantes dende o pasado ano.
Segundo puidemos ler na web da Sociedade da Información, un organismo que dende o Ministerio destacan como unha iniciativa autonómica que comparte obxectivo co PEBA, os mínimos de servizo esixidos para prestar o plan PEBA “foron dun largo de banda de 256 kilobits por segundo de baixada e 128 de subida, “calidade de servizo semellante á oferta maioritaria en España na data da convocatoria do concurso”.
Os prezos, continúa a información, “non habían superar os 39 euros de alta (máis IVE) nin unha cota mensual doutros 39 euros durante os 36 primeiros meses de contrato”.
Asemade, o programa esixe que os custos iniciais ou de instalación sexan reducidos, tanto no caso de ADSL como de tecnoloxías sen fíos ou vía satélite.