O Goberno aposta por investir máis en novas redes de telecomunicacións
mércores, 20 de xullo do 2011
O secretario de Estado de Telecomunicacións e para a Sociedade da Información, Juan Junquera, vén de facer balance do que deron de si os máis de 12.000 millóns de euros investidos en España entre o 2006 e o 2010 no marco do Plan Avanza, e durante o Foro Sociedad en Red, celebrado recentemente, adiantou que “distintos indicadores demostran que a Sociedade do coñecemento é hoxe unha realidade en España”.
Na súa intervención, Junquera precisou que para calibrar de maneira máis exacta o papel do Plan Avanza e do sector das TIC é necesario analizar o que está a suceder actualmente no mundo, onde di, “esta a producirse unha revolución en diferentes niveis”.
En primeiro lugar, trátase dunha revolución tecnolóxica e industrial, “diferente das anteriores”, precisou, “porque se dilúen as fronteiras pola conectividade, aparecen novos negocios, os mercados son globais... e o fundamental, as TIC son transversais”, aclarou.
Neste senso, Jorquera fixo fincapé nas metas que persegue acadar o Goberno co novo Plan Avanza 2, do que di, ten entre os seus obxectivos “desenvolver un tecido económico TIC e un sector económico sofisticado baseado nas novas tecnoloxías”, para o que mobilizará un investimento de 1.200 millóns de euros.
O secretario falou das medidas destinadas ás empresas, como a convocatoria de axudas, o Plan de Contidos Dixitais, o Plan de fomento do comercio electrónico e o Plan de Internacionalización da empresa e tamén citou as distintas posibilidades de financiación pública ofrecidas ás empresas que apostan polas TIC.
Jorquera rematou a súa intervención apuntando as catro claves “fundamentais” na política do seu departamento, que consisten na existencia de presupostos estables para o investimento en I+D+i, no incremento das axudas á innovación, na internacionalización das nosas empresas e no fomento do investimento en novas redes, o que implica, segundo asegurou, “dotar aos operadores de maior seguridade xurídica”.
