O Consello da Cultura Galega dixitalizará centos de documentos de Filgueira Valverde
martes, 3 de febreiro do 2015
O Consello da Cultura
Galega presentou este martes un novo proxecto de seu para preservar o
noso pasado e noso legado cultural a través das novas tecnoloxías.
Máis polo miúdo, o
CCG formalizou un acordo coa Fundación Filgueira Valverde para
dixitalizar documentación do polígrafo pontevedrés, nado en
1906 e falecido en 1996, compañeiro de xeración de boa parte dos
nosos máis senlleiros galeguistas (Castelo, Otero Pedrayo, Vicente
Risco), cos cales mantivo unha longa relación epistolar. Froito
desta relación foron as máis de 500 cartafoles con cartas que
repousan no Museo de Pontevedra. Todas elas, xunto con outros
documentos, serán dixitalizadas polo Consello da Cultura Galega en
virtude do dito acordo, asinado polo presidente desta institución e
máis por Fernando Filgueira Iglesias, fillo e presidente da
Fundación Filgueira Valverde.
Tamén participou Ana
Isabel Vázquez, deputada da Área de Cultura da Deputación de
Pontevedra e Carlos Valle, director do museo.
O acordo foi asinado no
que foi, durante anos, o despacho de Filgueira Valverde e no que
aínda se conserva a que foi a súa mesa de traballo. Segundo apunta
o CCG, o material a dixitalizar comprende dous tipos de documentos.
Dunha banda consiste no seu epistolario, nomeadamente as cartas con
correspondentes de relevancia para a historia a cultura de Galicia
como son Castelao, Ramón Otero Pedrayo, Vicente Risco, Ramón
Cabanillas, Álvaro Cunqueiro, Fernández del Riego, Álvaro Gil
Varela, Iglesia Alvariño, Prudencio Landín Carrasco, Florentino
López Cuevillas, Antón Losada Diéguez, Ramón Martínez López,
Valentín Paz-Andrade, Lois Tobío (a correspondencia destes dous
últimos persoeiros xa se pode consultar desde
a web do Consello da Cultura Galega), entre outros.
Da outra banda, os
traballos de dixitalización tamén comprenden os papeis e notas
persoais que documentan a súa relación con diferentes institucións
culturais galegas, como o Seminario de Estudos Galegos, o Instituto
Padre Sarmiento e o Consello da Cultura Galega así como material
relacionado co Estatuto de Galicia e o seu labor no Partido
Galeguista en Pontevedra. “O número total de documentos, entre
cartas e outros materiais, rolda os 20 000”, informa o CCG, que
tamén sinalou que “a gran vantaxe do fondo de Filgueira Valverde é
que foi unha persoa que estivo moi activa durante moito tempo, que
era moi ordenado e que conservou todo, desde as notas dos instituto,
ata os recibos médicos”.
Por certo que os
materiais que se dixitalizarán poñeranse a disposición da
cidadanía “á maior brevidade posible”.
O acordo asinado este
martes, segundo fixo saber o CCG, insírese nunha liña de traballo
da entidade galega con alcance moito máis amplo. Trátase dun
proxecto que acubilla “unha importante colección de arquivos
persoais e fondos privados doados ou cedidos á institución”. Do
que se trata é de dixitalizar e preservar arquivos de persoeiros
como Valentín Paz-Andrade, Luís Seoane, Manuel Puente, Xosé
Benito Abraira, Isaac Díaz-Pardo, Lois Tobío, Silvio Santiago ou
Ramón Piñeiro. A día de hoxe, engade o CCG, a colección inclúe
máis de 25 000 documentos, entre cartas, postais, tarxetas de
visita, manifestos ou apuntamentos, orixinais ou copias. A maior
parte deles xa se poden consultar desde a web da institución.
