O Colexio de Xornalistas lanza nas redes sociais unha campaña para combater o machismo nos medios

martes, 22 de novembro do 2016 Redacción

Con motivo do Día Internacional contra a Violencia de Xénero, o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia lanza esta semana un chamamento colectivo nas principais redes sociais para combater a devandita lacra social e “facer” comunicación nas franxas de idade que máis presenza teñen, precisamente, nas comunidades dixitais: a nosa xuventude. Pero, sobre todo, búscase pór de relevo a escasa “axuda” dos principais medios informativos á hora de combater a violencia. A campaña, que se bota a camiñar en Twitter e máis en Facebook, difúndese baixo a seguinte etiqueta xenérica e identificativa: #NonDifundasMachismo. Con esta iniciativa o Colexio quere “concienciar contra a persistencia de tratamentos machistas nas informacións dos medios de comunicación”.
A campaña, que estará en marcha ao longo desta semana, consiste na publicación a través de Twitter e Facebook de titulares, informacións ou imaxes que exemplifiquen distintos estereotipos e comportamentos que continúan a tinxir de sexismo a imaxe das mulleres nos medios de comunicación. Todos os exemplos irán acompañados dunha pequena explicación e da etiqueta #NonDifundasMachismo.
Desde o Colexio de Xornalistas chámase “a compartir os distintos chíos para visualizar o problema da persistencia de tratamentos machistas nos medios, así como a compartir calquera outro tipo de exemplos destas prácticas sexistas usando o devandito cancelo #NonDifundasMachismo”.