O Centro de Excelencia de Vigo lembra aos profesionais galegos a importancia de seren innovadores a tempo completo

mércores, 5 de xuño do 2013 Redacción

Finalmente celebrouse en Vigo, da man do seu Centro de Excelencia, a xornada Innovación Sistemática: metodoloxías e ferramentas, dirixida a subministrar recursos para integrar, no día a día das nosas empresas, unha estratexia continua de creatividade e investigación ao servizo do medre e a competitividade. Dito doutra maneira: encamiñouse a lembrarnos, unha vez máis, a importancia de sermos innovadores, tendo en conta que a innovación é e seguirá a ser unha das ferramentas máis eficaces para que as PEME poidan saír adiante e evitar a súa desaparición neste contexto de crise xeral. Esta foi a principal conclusión á que chegaron o medio centenar de profesionais que participaron este martes 4 na dita xornada, organizada polo Centro de Excelencia de Vigo, promovido pola Escola de Organización Industrial (EOI), o Consorcio da Zona Franca de Vigo (CZFV) e a Universidade de Vigo (UVIGO), e co-financiado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional e o Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo.
Na devandita liña de aposta polo pulo creativo no ámbito empresarial situáronse dous dos relatores da xornada, Natalia Nogueira, de Serviguide e Álvaro Cepeda, de AENOR, que amosaron a importancia que ten que as empresas conten cunha política detallada de I+D+i e xestionen con eficacia os procesos. Ambos os relatores coincidiron en afirmar “que a sistematización da innovación permite establecer as pautas a seguir en cada intre e comprobar a súa eficiencia en tempo real”. Pola súa banda, Rafael González, de Futuver, centrouse na análise das posibilidades que ofrece a tecnoloxía para xestionar a innovación de modo eficaz. En concreto, presentou IDINIET, un programa informático concibido para optimizar os recursos e contribuír ao éxito das organizacións.
Para rematar, Manuel Pozo, responsable de Enxeñaría e Operacións de Egatel, pechou a xornada compartindo a experiencia da compañía no desenvolvemento de proxectos de I+D+i, que lle permiten competir a nivel internacional con grandes multinacionais do sector das telecomunicacións. Así mesmo, insistiu na importancia da cooperación interempresarial para sacar adiante proxectos de alta calidade.