O Centro de Estudos Europeos da USC estrea web

mércores, 13 de xaneiro do 2016 Redacción

O Centro de Estudos e Documentación Europeos da Universidade de Santiago (CEDE) vén de estrear novo portal web, unha xanela remodelada na que se achegan novos contidos e servizos e a través da cal retómase, a maiores, a publicación do boletín mensual do centro. A nova achega de comunicación en liña deste servizo universitario emprazado na Facultade de Dereito compleméntase coa posta en marcha a finais do ano pasado dunha conta de seu en Facebook. Como lembraremos, o CEDE é un espazo para a xestión do coñecemento integrado na Rede de Centros de Documentación Europea e, por tanto, da Rede Europe Direct. O obxectivo do CEDE é actuar como órgano mediador entre a UE e a comunidade universitaria, informando sobre a Administración europea para que sexa cada vez máis próxima e “para a creación de valor engadido”.
Volvendo á nova páxina, sinalar que a maiores de información sobre a Unión Europea (as súas institucións, políticas e actividades), a web do CEDE acabada de estrear contén orientación sobre prácticas e emprego nos estados membros, bibliografía para investigación e traballos académicos, así como guías de uso das bases de datos oficiais da UE. No perfil de Facebook inclúense entradas sobre cuestións de actualidade relacionadas co espazo europeo e nas páxinas do Boletín atoparanse novas sobre a USC, sentenzas e lexislación, anuncios de oportunidades –de financiamento, prácticas e emprego- para os distintos colectivos da comunidade universitaria e textos elaborados por profesorado universitario.