O Centro de Dinamización de Moaña dá conta das actividades que levará a cabo este verán

mércores, 24 de xuño do 2009 Raquel Noya

A Rede de Dinamización da Sociedade da Información, en colaboración co Concello de Moaña, vén de dar conta das actividades que vai levar a cabo durante o vindeiro mes de xullo no Centro de Dinamización da localidade, ao mando do cal se atopa a dinamizadora, Ana Pérez Martínez.
Os obradoiros que se van desenvolver son os seguintes:
-Creación dunha conta correo electrónico: esta actividade ten como principal obxectivo que as persoas asistentes sexan quen de crear e xestionar a súa propia conta de correo, así como de darlle utilidade e adaptala ás súas propias necesidades. Desenvolverase de luns a xoves, en dúas quendas; a primeira terá lugar do 13 ao 16 de xullo, en horario de 9:00 a 11:00 horas, e a 2ª celebrarase do 27 ao 30 de xullo no mesmo horario.
-Iniciación á Informática: a finalidade desta actividade é que os usuarios e usuarias aprendan a manexar o ordenador con certa soltura e se adentren paseniñamente nas novas tecnoloxías. Terá lugar do 6 ao 10 de xullo en horario de 9:00 a 11:00 horas.
-Procura de información por Internet: con esta actividade preténdese que os e as asistentes sexan quen de manexar o buscador máis popular en Internet e de optimizar as súas procuras para que os resultados sexan mellores e máis fiables. Tamén se desenvolverá en dúas quendas: a 1ª dende o día 1 ao 3 de xullo, en horario de 9:00 a 11:00 horas e a 2ª de luns a xoves, do 20 ao 23 de xullo á mesma hora.
-Edición de imaxes: GIMP: as persoas que asistan a esta actividade serán capaces, ao finalizar a mesma, de retocar as súas propias imaxes dixitais, así como de levar a cabo calquera tipo de tarefa para axeitala ás características desexadas e poder imprimilas ou arquivalas onde se desexe. Este obradoiro terá lugar os martes e xoves, do 7 ao 16 de xuño, en horario de 11:15 a 13:15 horas.
Asemade, está revista a realización do coloquio, O que Internet pode facer por ti: Programa as túas vacacións, no que se dará conta de como facer reservas de avión, buscar hotel, alugar coche...a través de Intenet, así como consultar o tempo ou buscar destinos para visitar.
Esta actividade terá lugar o vindeiro día 17 de xullo ás 10:30 horas.
O prazo de inscrición para estas actividades, que se desenvolverán de balde para os veciños e veciñas da zona, estará aberto do 25 ao 30 de xuño.
As persoas que desexen inscribirse ou solicitar máis información sobre estas e outras actividades, poden dirixirse ao Centro de Dinamización do Concello de Moaña, sito na R/ Donato Bernardez Sotelo nº 6, local G, ou chamar ao teléfono 986.314.997. Tamén poden mandar un correo electrónico ao enderezo anamaria.moana@dinamiza.sociedadedainformacion.eu., quen atenderá persoalmente as peticións dos usuarios interesados.