O Campus de Vigo introduce ao seu profesorado na vertente TIC da propiedade intelectual

xoves, 10 de novembro do 2016 Redacción

A Propiedade Intelectual (PI) é un tema que xera moita controversia, onde están os seus límites? Para abranguer esta cuestión e tendo en conta as novidades xurdidas no eido lexislativo foi pensado o Curso sobre Propiedade Intelectual, unha cita da Área de Formación e Innovación Educativa encamiñada ao profesorado universitario que terá lugar o 29 e 30 de novembro na sala catro do Edificio Miralles (Campus Universitario de Vigo) e o prazo para anotarse manterase aberto ata o vindeiro día 18. A actividade en cuestión fará fincapé na titularidade dos dereitos e na autoría dos contidos dixitais.
O curso en cuestión será dirixido polo docente Carlos A. Gómez, membro da xunta directiva da Asociación Española para o Estudo do Dereito Universitario (AEDUN), quen sinalou que esta actividade quer servir para despexar dúbidas sobre a titularidade dos dereitos de Propiedade Intelectual (PI) e garantir xuridicamente o traballo ordinario do profesorado. Un dos temas máis relevantes a tratar será o uso de materiais de terceiros na docencia presencial e virtual, amais de aspectos como a PI na era dixital ou a PI nos descubrimentos científicos do Persoal Docente de Investigación, e a problemática dos contidos de dominio público ou con licencias de Creative Commons á hora da súa difusión xeneralizada dende a Universidade.
As persoas que asistan a este curso poderán comprobar se existe ou non un uso indebido dos dereitos de propiedade intelectual no seu traballo diario. Os principais problemas que se detectan, di Gómez, “son os que xeran aqueles traballos académicos que son unha mera sucesión de contidos de outros autores, sobre todo dende que se introduciu o sistema de Boloña e debido á facilidade que representa Internet”. Tal e como afirma o coordinador do curso, “hai unha crenza xeneralizada de que todo o que está en Internet é de balde, e tanto profesorado como alumnado están tentados de usalo sen problemas”, e aínda que a lei permite a utilización de material de terceiros en contornas dixitais pechadas, “deben coñecerse os casos en que é necesario compensar aos autores polo seu uso”, conclúe.