O Campus de Ourense pon na Rede un vídeo onde amosa o seu potencial

xoves, 5 de xullo do 2012 Redacción

O Campus de Ourense vén de pór na Rede un vídeo promocional para amosarlle á comunidade internauta (estudantes, investigadores, docentes, cidadanía en xeral) todo o seu potencial en cultura, lecer, deporte, espírito emprendedor e servizos e recursos para a investigación e o desenvolvemento. O vídeo, un percorrido polo máis destacado do Campus, vén da man de Andrea Valado e, en palabras da Universidade de Vigo, ten como obxectivo principal amosar a todas aquelas persoas interesadas os servizos da institución educativa en Ourense, “facendo fincapé nas titulacións, servizos e instalacións das que dispón”.
A obra sintetiza a oferta do Campus ao tempo que a salienta, un Campus formado por unha comunidade de 4.500 estudantes cada curso, onde se imparten titulacións de Ciencias Empresariais e Turismo, Educación, Ciencias, Dereito, Enxeñaría Informática, Historia e Enfermaría e 19 mestrados e onde se levan a cabo tarefas académicas, investigadoras e de transferencia. Unha ampla oferta que queda reflectida no audiovisual, para o que o artista Tristan Irving cedeu a banda sonora.