O Campus Industrial de Ferrol acollerá un obradoiro sobre a creación de aplicacións para móbiles Huawei

luns, 21 de novembro do 2022 Redacción

A Aula de Audiovisuais da Escola Universitaria de Deseño Industrial (EUDI) acolle, o vindeiro venres ás 11:00, o obradoiro Huawei Mobile Service: Desenvolvemento de Aplicacións impartido polo enxeñeiro do Soporte Técnico ao Desenvolvedor en Huawei CBG España, Fran Almeida. A directora do Campus Industrial de Ferrol, Ana Ares, e a coordinadora do mestrado en Deseño, Desenvolvemento e Comercialización de Videoxogos, Luz Castro, presentan unha actividade formativa dirixida a toda a comunidade universitaria e ao público xeral interesado.
Ao longo da xornada, o alumnado e persoal investigador participante afondará na plataforma Huawei Mobile Services (HMS) onde se pode atopar a AppGallery así como outras aplicacións e servizos propios desta compañía chinesa. A maiores, neste espazo, inclúense tamén aqueles compoñentes dirixidos especificamente aos desenvolvedores chamados HMS Core e que conteñen APIs, SKDs e outros servizos que poden ser empregados para crear e mellorar aplicacións que funcionen nos smartphones de Huawei.

PUBLICIDADE