O CPEIG quence motores para celebrar mañá a II Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia
xoves, 14 de outubro do 2010
O Hostal dos Reis
Católicos, en Santiago de Compostela, foi o lugar escollido polo Colexio
Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia para celebrar a súa noite
máis importante e conmemorativa do ano.
Trátase da Segunda Noite da Enxeñaría en Informática de
Galicia, que dará comezo a partir das 20:30 horas de mañá e á que asistirán
máis de 200 colexiados e colexiadas, ademais de destacadas autoridades dos eidos
político e universitario.
O acto, que conta
co apoio de diversas empresas e institucións vencelladas ás novas tecnoloxías,
ten como obxectivo recoñecer as iniciativas e persoas destacadas no ámbito da
Enxeñaría en Informática e nel serán premiadas, entre outras, a factura
electrónica da Consellaría de Facenda, a Axenda Dixital de Galicia (2014.gal)
ou o Proxecto Fin de Carreira de Roberto Rey Expósito.
Asemade, tamén
será recoñecida a traxectoria profesional de Pablo Santos Luaces, conselleiro
delegado e fundador de Códice Software, e o Clúster TIC de Galicia, que
recibirá o Premio Iniciativa Empresarial.
Para a
organización desta Noite, o CPEIG contou coa colaboración e apoio económico de
diversas entidades e empresas que operan no eido das novas tecnoloxías. Como
patrocinadores de ouro: Hewlett-Packard, Telefónica, Bahía Software, Plexus,
Altia, Atos Consulting, Everis, Bull e Xunta
de Galicia. Como patrocinador de
prata: Coremain, e por último e non menos importantes, como patrocinadores de
bronce: Tecnocom, IECISA,
T-Systems, Balidea e INSA. Asemade, a entidade La Caixa tamén apoia
economicamente este acto.
Os colexiados e
colexiadas, segundo afirman dende a organización, “gozarán dunha noite ideada para o encontro e intercambio lúdico, que se
pechará cunha cea no Hostal dos Reis Católicos”. A entrega de premios, prevista para as 21:15 horas será conducida polo
artista Miguel Lago –coñecido por ser o monologuista máis novo de todos os que
actuaron ata o momento no Club de la
Comedia e colaborador habitual da Paramount Comedy, ademais
de actor no “reality” Curso del 63- e contará tamén coa actuación do grupo de música Alo-Django Alo-Django.
