O CPEIG e a EGAP achegan a terceira entrega do curso superior de eAdministración

luns, 25 de marzo do 2013 Redacción

Fernando Suárez, presidente do CPEIG, nunha imaxe de El Correo Gallego de Antonio Hernández

A Escola Galega de Administración Pública (EGAP) e o Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) veñen de unir forzas para a organización da terceira convocatoria do Curso Superior de Administración Electrónica, unha actividade formativa que comeza o 24 de abril (ata o 12 de xullo) e que se encamiña a afondar, dende unha perspectiva que cingue os eidos tecnolóxico e xurídico, no significado e implicacións futuras da eAdministración, incidindo na súa importancia para as institucións e para a propia cidadanía.
O prazo de matrícula desta actividade mantense aberto ata o vindeiro 3 de abril. O curso, dirixido polo presidente do CPEIG, Fernando Suárez, ofrece un total de 50 prazas e a súa duración será de 114 horas, das que 84 serán teóricas e 30, prácticas. Ao abeiro do acordo existente entre o colexio e a EGAP, os colexiados e colexiadas obteñen un prezo especial na matrícula de 350€, fronte aos 500 euros que deben pagar aqueles alumnos non funcionarios. Os destinatarios son empregados públicos das administracións galegas, tanto autonómica como locais e de xustiza, das nosas universidades así como persoal contratado polos entes públicos e os profesionais que estean en posesión do título de doutor, licenciado, diplomado, grao, arquitecto, enxeñeiro, arquitecto técnico e enxeñeiro técnico. O Curso Superior de Administración Electrónica desenvolverase na EGAP, rúa Madrid, 2-4, As Fontiñas, en Santiago de Compostela.