O CNTG convoca novos cursos tecnolóxicos a celebrar este mes de marzo

xoves, 1 de marzo do 2012 Raquel Noya

O Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia vén de lembrar que a partir do vindeiro día 5 deste mes vai dar comezo o curso de Detección de intrusos en profundidade, un ciclo formativo dirixido a profesionais do eido da seguridade en liña co que axudarlles a detectar intrusos en infraestruturas informáticas, así como dar a coñecer diversas e potentes ferramentas na área da seguridade como sistemas IDS (en particular Snort), IPS, firewalls de aplicacións web...
O curso, de 40 horas de duración, está deseñado para preparar ás persoas asistentes na comprensión e interpretación das debilidades típicas das distintas plataformas e o seu impacto nas organizacións, permitíndolles coñecer a trazabilidade dos ataques, monitorizar activamente os ricos de seguridade nas redes corporativas ou despregar solucións axeitadas para protexerse destes ataques dando resposta a posibles incidentes, entre outras cousas.
O ciclo vai dirixido tanto a profesionais da seguridade informática como a administradores e enxeñeiros de redes e sistemas de información, que deberán posuír coñecementos avanzados de Linux, networking e dalgunha linguaxe de scripting (Bash, Perl ou Python). Asemade, e malia que non é obrigatorio, é recomendable que as persoas asistentes teñan algunha titulación relacionada coas novas tecnoloxías e a informática.
O período de docencia vai do 5 ao 16 de marzo, de luns a venres en horario de 16:30 a 20:30 horas, e expedirase un diploma de asistencia que certificará os coñecementos nesta materia.
Por outra banda, dende esta entidade dependente da Consellaría de Traballo e Benestar tamén avisan de que segue aberto o prazo para os cursos de Administración de Google Apps Business e de Despregue de IPv6 en redes corporativas, dirixidos a profesionais e responsables tecnolóxicos das empresas; e tamén que o vindeiro 19 de marzo remata o prazo de inscrición para o curso de Desenvolvemento de aplicacións Java para dispositivos móbiles, de 60 horas de duración.
Este curso proporciona experiencia práctica para desenvolver aplicacións de telefonía móbil utilizando a plataforma Java sobre Android e desenvolverase do 10 ao 27 de abril, de luns a venres en horario de 9:30 a 13:30 no Centro de Novas Tecnoloxías, en Santiago de Compostela.