O CITIC consolídase como socio estratéxico en Conecta PEME 2016

luns, 18 de xaneiro do 2016 Redacción

O Centro de Investigación TIC (CITIC) emprazado no Campus da Coruña consolidouse como socio estratéxico para o programa Conecta PEME 2016 da Axencia Galega de Innovación (GAIN), iniciativa de axudas para fomentar a cooperación entre as nosas empresas e os demais axentes do Sistema Galego de Innovación, a través do apoio a proxectos de I+D+i orientados ao mercado e aliñados cos retos e prioridades identificados na RIS3 para Galicia. Tal e como informa GAIN e lembra o CITIC, este venres 22 de xaneiro remata o prazo para presentar as solicitudes a Conecta PEME 2016.
Estas axudas, amplía e especifica o centro coruñés, maniféstanse nun apoio a proxectos de investigación e innovación orientados ao mercado e aliñados cos retos e prioridades identificados na RIS3 (Research and Innovation Strategies) para Galicia, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2010.
O CITIC posúe unha ampla experiencia neste tipo de convocatorias, tal e como proba a súa participación en anteriores edicións de convocatorias FEDER-Innterconecta e Conecta PEME. Máis dun centenar de proxectos de transferencia tecnolóxica a nivel local e estatal sitúan ao centro tecnolóxico coruñés como un socio de referencia para presentarse a este tipo de convocatorias.
A resolución do DOG coa convocatoria e a corrección de erros poden consultarse nas seguintes ligazóns: DOG convocatoria Conecta PEME e DOG Corrección de erros Conecta PEME.