O CDTIC organiza esta semana en Vigo unha xornada sobre Joomla
luns, 23 de febreiro do 2015
O Centro Demostrador
TIC organiza o día 26 de febreiro unha
sesión de formación sobre o sistema de xestión de contidos Joomla.
A xornada desenvolverase en horario de 18.00 a 20.00 horas na Aula
CeMIT de Vigo, na rúa do Porto. A actividade formativa, sinala o
CDTIC, ten como obxectivo explicar o funcionamento do dito paquete de
ferramentas para o manexo da información, as súas características
(licenza, partes, capacidade de adaptación ou xestión de usuarios,
menús, contidos, modelos, idiomas etc.) ou a súa comunidade.
A sesión está
destinada a profesionais TIC, responsables da xestión web das
empresas, autónomos etc. que queiran crear unha páxina web en
Joomla ou ben xa administran unha e queren afondar no seu emprego ou
na forma de engadir máis funcións. Encargarase de impartila Pablo
Arias, desenvolvedor, asesor e consultor web especializado en Joomla.
Segundo explica a
organización, existe un límite de prazas para participar nesta
actividade, polo que cómpre inscribirse previamente na
web do CDTIC. As persoas que non poidan acudir á demostración
poderán seguila a través de streaming.
Segundo lembra o CDTIC,
Joomla é “o máis popular dos xestores de contidos”. Emprégano
tanto individuos como PEME ou grandes organizacións para crear, “dun
xeito doado e flexible”, unha gran variedade de webs ou
aplicacións web. E engade: “Joomla ofrece un amplo abano de
compoñentes adicionais como son axenda, foros, enquisas, buscador
avanzado, sindicación de contidos, etc; e entre as súas múltiplas
extensións salientan varias especialmente deseñadas para integrar
no portal unha tenda de comercio electrónico”.
