No Portal da Lingua as mostras gañadoras do Concurso-Exposición Letras Galegas 2024

xoves, 2 de maio do 2024 S. P.

O CEIP Raquel Camacho da Coruña acolleu este xoves 2 de maio a entrega dos premios do Concurso-Exposición das Letras Galegas organizado pola Consellería de Cultura a través da Secretaría Xeral de Lingua. Na cita participaron o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, e o secretario xeral de Política Lingüística Valentín García. O premio da categoría de Educación Infantil e Primaria foi dar ao dito CEIP pola exposición Luísa Villalta, tatuada na pétrea pel do mar. Podemos vela no Portal da Lingua xunto coas outras propostas gañadoras.
O concurso mobiliza cada aos centros de ensino público non universitario co obxecto de elaboraren unha exposición sobre a obra, época e lingua do autor ou da autora homenaxeada e sobre a situación sociolingüística da etapa histórica en que viviu. Nesta ocasión, sobre a poeta, música e ensaísta coruñesa Luísa Villalta, á quen se lle dedican as Letras Galegas de 2024.
López Campos salientou a “creadora excepcional” no panorama literario galego que era a homenaxeada e incidiu en que a súa escrita resultou renovadora pola continua exploración que fai sobre a relación entre a música e a poesía.
O conselleiro gabou que o alumnado do CEIP Raquel Camacho, coa colaboración do profesorado, logrou crear un harmonioso conxunto de carteis en que destacan a “creatividade, a beleza estética, o carácter integrador e inclusivo” e o emprego de técnicas e recursos diversos (códigos QR que levan á linguaxe de signos, biografía en pictogramas, linguaxe Braille etc.), na procura de difundir a vida e a obra de Luísa Villalta entre a rapazada.
Esta exposición vai acompañada da guía didáctica correspondente, que orienta o percorrido polos carteis e contribúe de forma idónea ao coñecemento e á divulgación da figura homenaxeada e da súa época.
Carteis en 2.000 puntos
A Xunta de Galicia, a través da Secretaría Xeral da Lingua, está a distribuír os carteis e a guía premiados en case 2.000 puntos de destino: centros educativos de toda Galicia, mais tamén aos centros nos que se imparte galego fóra da nosa Comunidade Autónoma (de Castela-León, de Londres, de Bos Aires ou de Caracas); bibliotecas, concellos, centros de estudos galegos e lectorados, concellos de fala galega, como os do Val do Ellas en Estremadura; centros da emigración e distintas asociacións que traballan a prol da lingua e da cultura galegas dentro e fóra das nosas fronteiras. Ademais, poderán verse nalgunhas estacións de tren de Galicia.
O cartel número 1 de primaria, que mostra un percorrido pola cidade da Coruña da man de Luísa Villalta, foi elixido polos supermercados da cadea Eroski-Vegalsa para conmemorar o Día das Letras Galegas.
Ademais, as exposicións están dispoñíbeis en versión dixital e pódense descargar (canda outros recursos como marcadores de páxina, regras etc., e outros creados polos equipos de dinamización da lingua galega doutros centros educativos) no Portal da lingua galega, a web da Secretaría Xeral de Política Lingüística.

PUBLICIDADE