Nace unha plataforma multimedia que recolle a creatividade galega dos 80
xoves, 29 de abril do 2010
O grupo de investigación Dx7 xestado
e creado na Facultade de Belas Artes da Universidade de Vigo para materializar
as ideas innovadoras que un grupo de alumnos e alumnas tiñan entre mans, vén de
dar a coñecer o seu proxecto Wiki
Map. Galicia Culture, unha interface multimedia que ten como
obxectivo inicial “divulgar os movementos
creativos emerxentes nos anos 80 en Galicia”, tales como a videocreación, a
moda, a fotografía e as artes escénicas, entre outras manifestacións culturais.
Segundo
informan dende o boletín virtual desta entidade académica, a plataforma foi
xerada para “conter unha análise visual e
conceptual da cultura desa década” e está articulada a modo de base de
datos en liña na que se recompilan recursos textuais e multimedia, así como
entrevistas e testemuñas de primeira man dos protagonistas galegos desa época.
A iniciativa xurdiu, segundo
palabras de Cristina Varela, unha das integrantes do equipo de traballo, “pola tentativa de vincular as especialidades
dos distintos membros do grupo de investigación, cunha parte máis centrada no
ámbito das novas tecnoloxías e dedicada á creación de ferramentas interactivas e coa outra na revisión
dos movementos culturais dos anos 80”.
Asemade, o proxecto foi creado co
obxectivo de normalizar a información existente (moi pouca por certo) nunha
base de datos ordenada, empregando para elo un modelo sinxelo e intuitivo que
facilitara a navegación e a procura de información dos internautas.
A Wiki Map. Galicia Culture
presentouse no seo dun congreso en Portugal e con motivo da exposición Os
80. Moda en Galicia. Singularidades que se pode ver actualmente no Pazo da
Cultura de Pontevedra.
Completaron o equipo de traballo da Wiki Map: Lola Dopico, Silvia
García, Marcos Dopico, Alberto Valverde e Alberto García Ariza, coa
colaboración de Rocío Gómez Juncal, Fran Miguens, Ana Seoane e Marta Fariña.
