Nace na Rede Post55, unha comunidade social para maiores de 55 anos

mércores, 19 de maio do 2010 Raquel Noya

Agora que as novas tecnoloxías e Internet están ao alcance de practicamente todo o mundo e que xa comezan a ser un xogo de nenos incluso para os nosos maiores (malia que queda moito camiño por percorrer sobre todo no rural), o vermiño das redes sociais tamén comeza a picar entre os internautas máis vellos que non atopan nas xa existentes un ambiente ideal adaptado ás súas necesidades.
Facebook, Tuenti ou Twitter son algunhas das redes sociais máis populares entre a comunidade internauta do noso país porén os maiores non atopan nelas outros internautas cos que poder relacionarse, compartir experiencias, aportar coñecementos ou falar de gustos e afinidades propias destas idades.
É por isto que a Confederación Española de Organizacións de Maiores (CEOMA) vén de crear unha comunidade social axeitada a este colectivo, onde os maiores poderán, entre outras cousas, paliar os inconvintes das discapacidades e descubrir o beneficio que as novas tecnoloxías lles poden ofrecer para mellorar a súa calidade de vida.
Post55 é o nome que lle deron a esta ferramenta, onde a sociedade menos moza é a protagonista. Esta comunidade, que da un paso máis alá da tradicional mensaxe de texto ou chat, ofrece a posibilidade de realizar actividades de videoconferencia a través do ordenador e para evitar que as persoas usuarias non atopen atrancos, ofrece numerosos tutoriais e vídeos demostrativos que ensinan a usar Post55.
A diferencia desta rede social de outras ferramentas similares radica en que non se limita ao intercambio de información e arquivos entre os usuarios senón que conta con numerosas actividades de ocio, cultura, saúde, deporte…
Asemade, Post55 facilítalle ás persoas usuarias todo tipo de contidos formativos e informativos e permite a súa participación en liña en relatorios, conferencias, reunións… a través da súa webcam.
Esta iniciativa, que parte da Confederación Española de Organizacións de Maiores (CEOMA), trata de achegar así as novas tecnoloxías ás persoas maiores e ofrecerlle un espazo de comunicación onde poidan interactuar entre eles, con información e actividades máis personalizadas, cercanas e adaptadas aos novos hábitos dos maiores do século XXI.
Asemade, CEOMA pretende deste xeito diminuir “os graves inconvintes das discapacidades e descubrir o beneficio que as novas tecnoloxías poden ofrecerlle aos maiores na mellora da súa calidade de vida”.
A Confederación puxo en marcha este proxecto, coa colaboración do Ministerio de Industria, Turismo e Comercio, a través do Plan Avanza.