Movistar pon á venda o ZTE Open con Firefox OS

luns, 1 de xullo do 2013 Marcus Fernández

Mañá é unha data moi importante para o novo sistema operativo móbil de Mozilla, Firefox OS, pois aínda que xa hai meses que chegaron dispositivos ao mercado con este sistema operativo, tratábase de unidades destinadas a desenvolvedores, e os primeiros móbiles para o público en xeral poranse á venda agora, comezando polo ZTE Open, un smartphone moi básico que Movistar venderá por 69 euros en prepagamento (incluíndo 30 euros en chamadas) ou por 2,38 euros/mes para os clientes de contrato, polo que estariamos ante un dos smartphones máis económicos do mercado. Estará dispoñible en azul, laranxa e negro. Movistar distribuirá este novo móbil nos mercados nos que está presente, pero dando prioridade a Brasil e Venezuela.
O ZTE Open é un smartphone con pantalla táctil de 3,5 polgadas cunha resolución de 480 x 320 píxeles, 256 Mb de RAM, 512 Mb de almacenamento interno ampliable mediante tarxetas de memoria (inclúe unha microSD de 4 Gb) e cunha cámara de 3,2 Mpíxeles, que busca achegar a web a través do móbil a un público moi amplo grazas ao seu prezo axustado, á vez que goza dun sistema operativo con moito potencial grazas ás facilidades de desenvolvemento de aplicacións coas que conta, aínda que parte cunha eiva moi importante: carece da aplicación de WhatsApp (aínda que outras plataformas como Facebook, Twitter e Tuenti si contan con aplicacións de seu no Firefox Marketplace).


Vídeo de demostración de Firefox OS, sistema operativo móbil que en breve tamén estará dispoñible no Alcatel One Touch Fire