Microsoft anuncia novos lanzamentos para os vindeiros meses
xoves, 6 de novembro do 2008
Dende o pasado día 1 de xullo, Microsoft
está a reforzar a súa estratexia dirixida ao mercado de consumo coa creación da
división Consumer&Online, que xa
viña avalada polo éxito da campaña da compañía no mundo virtual.
Esta división agrupa as distintas liñas de negocio da compañía orientadas
ao consumidor final, incluíndo as actividades de vendas, marketing e operacións relacionadas coa plataforma Windows: Windows Mobile, Windows Vista para o
mercado de consumo, Windows Live, Liver
Search, o portal MSN, Microsoft Advertising e o resto de
servizos en liña de Microsoft, que ata o de agora se atopaban repartidos en
varias áreas da compañía.
O obxectivo desta división, que está integrada por uns 100 empregados, é
facilitarlles aos usuarios domésticos un conxunto de produtos, tecnoloxías e
servizos en liña integrados que lles permitan compartir e organizar a súa “vida dixital”, creando “novas experiencias de uso”.
O compromiso da casa Microsoft é achegarlle ao consumidor final unha única
experiencia que abranga información, comunicación e lecer, subministrando
tecnoloxías innovadoras máis doadas de empregar, máis intuitivas e máis
accesibles.
Vindeiros lanzamentos
Dende a posta en marcha de Consumer&Online,
Microsoft está a traballar por facer realidade esta aproximación ao usuario
final a través de novos produtos e servizos baseados nunha fonte de
investimento en I+D.
Servizos tales como o centro de soporte gratuíto WindowsVistaresponde.com, que axuda ao usuario doméstico a instalar
e traballar con Windows Vista, a versión final de Internet Explorer 8, que verá
a luz nos vindeiros meses e a renovación dos servizos Windows Live co
lanzamento de 6 programas e 10 novas aplicacións web.
No que se refire a novidades en sistemas operativos, a finais de 2009, verá
a luz a nova versión de Windows, denominada Windows 7, que xa foi distribuída a
máis de 7.000 desenvolvedores na súa versión beta durante a Professional Development Conference.
Asemade, nos vindeiros meses chegarán ao mercado novos dispositivos móbiles
que aproveitarán ao máximo a funcionalidade de Windows Mobile.
