Menores en Rede, finalista nos Premios Zapping

luns, 13 de febreiro do 2017 Redacción

Hai presenza galega entre os finalistas da XXII edición dos Premios Zapping. Máis polo miúdo a da web Menores en Rede, posta en marcha polo animador sociocultural Jorge Castro. A entrega destes galardóns con sede en Catalunya celebrarase o vindeiro 16 de marzo en A CaixaForum de Barcelona. A páxina galega, máis en detalle, figura na listaxe final das tres mellores plataformas seleccionadas ao abeiro da categoría Mellor Iniciativa de Internet ou App dos Premios Zapping. Estas tres finalistas foron elixidas polo propio público a través dunha rolda de votacións na que participaron un total de dez webs. Menores en Rede comparte recta final do galardón con The Capsuled e Tú decides en Internet.
A páxina galega, como lembraremos, arrancou a súa andaina en 2010 co obxectivo de guiar ás rapazas e aos rapaces no emprego das ferramentas dixitais. A canle, que nos seus comezos foi un blog e despois unha web, ten arestora unha firme vertente pedagóxica, centrándose en cousas como fornecer consellos para as persoas máis novas que navegan na Rede ou recursos de comportamento e metodoloxías para as nais, os pais e os docentes, facendo fincapé en axudar aos colectivos menos dixitalizados a encher posíbeis baleiros de información en relación ao uso da Internet e as redes sociais. Por temáticas máis concretas tócanse ámbitos como o emprego de etiquetas nas comunidades dixitais, o uso de imaxes con menores en Internet, a presenza de recursos na Rede para levarnos a sitios de malware ou os problemas derivados dun mal uso do Whatsapp a nivel escolar.

PUBLICIDADE