Melloras nos accesos á Rede dos institutos As Lagoas e Ánxel Fole

xoves, 9 de decembro do 2010 Redacción

O conselleiro de Educación, Xesús Vázquez, tomoulle este xoves o pulso á infraestrutura de acceso á Rede que está a ser obxecto de melloras en dous centros de ensino da nosa terra. Segundo informa a Xunta, o titular do dito departamento visitou os IES As Lagoas, en Ourense, e Ánxel Fole, en Lugo, centros de ensinanza onde a conexión pasou estes días dos 10 a os 100 Mbps. O obxectivo destas intervencións foi a de “acadar un uso máis produtivo das novas tecnoloxías que se empregan como recursos educativos nestes institutos”.
Nun plano máis amplo, a finalidade da Consellería de Educación é incrementar a capacidade de conexión de 90 centros ao longo deste curso. A idea é pór aos institutos en sintonía co Proxecto ABALAR, que vai dirixido á dixitalización das nosas aulas. Na mellora dos acceso está a participar arreo a Secretaría Xeral de Modernización a través do seu Plan Director de Banda Larga. Xa nun plano máis concreto e volvendo ás actuacións despregadas nos dous colexios devanditos, dicir que delas veranse beneficiadas/os 565 alumnas e alumnos do IES Ánxel Fole, e 702 do de As Lagoas.
Na súa visita ao instituto ourensán o conselleiro estivo acompañado polo delegado da Xunta en Ourense, Rogelio Martínez; e polo equipo directivo do centro. En Lugo acompañaron ao titular do departamento educativo da Xunta a delegada provincial, Raquel Arias, e o xefe territorial de Educación en Lugo, José Jesús Ramos Ledo.