Max desvela os seus prezos para España

venres, 19 de abril do 2024 Marcus Fernández

Tras confirmarse que HBO Max pasaría a ser Max en España o vindeiro 21 de maio, quedaban por coñecerse algúns detalles desta transformación, como as tarifas que terían os distintos plans, e finalmente actualizaron a futura páxina web do servizo para que poidamos coñecer os detalles.
Lembran que Max incluirá os contidos actuais de HBO Max aos que sumará contidos de Discovery e tamén eventos deportivos en directo, destacando os Xogos Olímpicos de París 2024 (incluídos en todos os plans do servizo).
Os plans base de Max serán inicialmente o Estándar, que permite 2 reproducións simultáneas en calidade até Full HD e até 30 descargas por un prezo de 9,99 euros/mes ou 99,90 euros/ano; mentres que o plan Premium permitirá até 4 reproducións simultáneas en calidade até 4K con Dolby Atmos e até 100 descargas por un prezo de 13,99 euros/mes ou 139 euros/ano.
A estes plans poderá engadírselle o complemento Deportes por 5 euros/mes adicionais incluíndo as canles Eurosport 1 e Eurosport 2 e retransmisións en directo da UFC, tenis e outros deportes.
Está previsto que no futuro conten tamén cun plan Estándar con publicidade, pero polo momento non chegaron a acordos para a comercialización dos espazos promocionais, polo que esta modalidade de contratación farase agardar.

PUBLICIDADE