Este mércores 21 comeza en Compostela o ciclo de conferencias #charlasnaDAG
martes, 20 de setembro do 2011
A
Asociación Galega de Deseñadores, que agrupa a deseñadores gráficos e industriais de todo
o país, está a organizar un ciclo de conferencias sobre distintos
eidos da estética e o deseño actual, que se van celebrar no centro
sociocultural A Trisca, en Santiago de Compostela, baixo o nome #charlasnaDAG.
As
charlas, que están abertas a todo o público, celebraranse os mércores de cada
mes a partir das 19:00 horas, e nelas participarán distintos convidados de
renome con experiencia no sector do deseño en Galicia, co obxectivo de transmitir
e “contaxiar” a paixón que como
deseñadores senten pola súa profesión.
A
intención deste ciclo de charlas é que os convidados compartan experiencias de
primeira man cos seus auditorios para así transmitirlles coñecementos e ganas
de renovarse e aprender cada día; deste xeito, cada sesión tocará distintas
temáticas dependendo do deseñador convidado e da parte do deseño que domine
cada un.
O ciclo de conferencias
inaugúrase este mércores, 21 de setembro, cunha charla do deseñador web Óscar
Otero, que leva por título A web dos
deseñadores, na que falará sobre a evolución da web
nestes vinte anos de vida e na que repasará os principais cambios
experimentados desde a súa aparición.
O programa das charlas
inclúe a participación de Marcos Dopico, da Universidade de Vigo, experto en
tipografía; Segundo Fernández, de Sond3, especialista en deseño con retículas e
Alberto Montiel, de FrutoDS, con ampla experiencia na técnica informática do
renderizado.
