Máis de 200 empresas galegas conseguen a súa propia web grazas ó Programa NEW

mércores, 28 de novembro do 2007 Raquel Noya

Máis de 200 empresarios galegos procedentes de todo tipo de sectores participaron nas xornadas de formación que o programa NEW (Ningunha Empresa sen Web) vén de celebrar na nosa comunidade ó longo dos pasados días.
Aquí, coma no resto das comunidades, as xornadas estaban propostas dun xeito práctico e participativo, nas que un grupo de formadores explicou as vantaxes de estar en Internet, as claves para o comercio electrónico e diversas suxestións para dispor dun bo posicionamento na Rede.
Os empresarios que asistiron aos obradoiros celebrados nas diferentes provincias galegas amosáronse moi interesados na posibilidade de acadar, a través do Programa NEW, unha páxina web en condicións preferentes e obter o máximo proveito das novas tecnoloxías. Neste senso, o balance foi moi satisfactorio xa que a gran maioría dos empresarios participantes solicitaron adquirir un dos paquetes informáticos incluídos no programa.
Para acadar a máxima difusión posible, dende Red.es puxéronse en funcionamento unha serie de medidas para informar aos empresarios da comunidade. Así, en Galicia enviáronse preto de 10.000 cartas e realizáronse máis de 3.000 chamadas para informar sobre as vantaxes do Programa NEW. Ademais habilitouse unha liña telefónica de atención e asesoramento permanente (900 22 33 22) e unha páxina web que lle permite ós interesados informarse sobre as condicións desta promoción que remata o vindeiro 31 de decembro.

PUBLICIDADE