Lugo adhírese ao programa Urbanismo en Rede

mércores, 17 de xuño do 2009 Raquel Noya

A cidade de Lugo, na súa teima por introducirse de cheo na Sociedade da Información e poñer a disposición dos seus veciños todo tipo de ferramentas tecnolóxicas que lle faciliten a comunicación e, en xeral, o seu trato coa administración local, vén de adherirse ao programa Urbanismo en Rede, unha iniciativa xurdida a partir dun convenio marco entre os Ministerios de Industria e de Vivenda para a incorporación das TIC no ámbito urbanístico municipal cun triple obxectivo: dar resposta a unha demanda social de transparencia (mediante a publicación por Internet dos plans urbanísticos), fomentar a interoperabilidade entre administracións a través de servizos web e mellorar a eficiencia na xestión introducindo ferramentas que faciliten a operativa dos ténicos municipais.
María Novo Pena, delegada de Urbanismo do Concello de Lugo, María Fernández Rancaño, xerente de Administración Electrónica de red.es e Benito Bericochea Miranda, xerente regional do Catastro de Galicia, foron os encargados e encargadas de presentarlle o devandito programa aos representates de entidades locais, empresas e colectivos profesionais relacionados coa xestión urbanística de Galicia, nunha xornada na que tamén participou José Antoni Santiso, alcalde de Abegondo, quen explicou a experiencia da súa localidade como unha das primeiras en poñer en marcha o programa.
A iniciativa, que prevé un investimento de 57 millóns de euros para o periodo 2009-2012, permite que os cidadáns poidan consultar a información urbanística da súa cidade de maneira doada, rápida e intuitiva, a través de Internet. Por outra parte, permítelle aos concellos ofrecer información actualizada do planeamento urbanístico vixente en cada momento, así como levar a cabo a vectorización e sistematización do planeamento urbanístico, a posta en marcha do equipamento e as aplicacións informáticas que dan soporte á explotación e visualización da información e a capacitación dos técnicos municipais.

Vantaxes para os cidadáns

Grazas a esta nova ferramenta, os cidadáns poderán obter información urbanística de forma inmediata e personalizada a través da páxina web do Concello. A nova aplicación permite acceder á información de dúas maneiras: facendo clic directamente sobre o mapa na zona que desexen ou introducindo datos concretos referidos ao planeamento do seu interese: distrito postal, referencia catastral, código urbanístico, coordenadas físicas ou o nome da zona a consultar.
A web mostraralle ao usuario todos os niveis de información dispoñibles sobre a parcela ou área do seu interese: clasificación, categorías do planeamento e calificación do chan, e permitiralle descargar a ficha urbanística completa.
Asemade, a información compleméntase con outros datos de grande utilidade como a información catastral e novas funcionalidades que se irán engadindo paseniñamente.

PUBLICIDADE