Innovación pon en marcha un programa para a captación de científicos de prestixio

venres, 27 de xullo do 2007 Raquel Noya

O conselleiro de Innovación, Fernando Blanco, vén de presentar o Programa IMAN, desenvolvido pola seu departamento co principal obxectivo de completar o programa de recursos humanos do Plan Galego de Investigación (IN.CI.TE.) para a captación de científicos e tecnólogos de recoñecido prestixio internacional.
O IMAN, ou Unidade de Captación de Intelixencia Estratéxica, estará adscrito á Fundación para o Fomento da Calidade Industrial e o Desenvolvemento Tecnolóxico de Galiza, e servirá para que os devanditos científicos leven a cabo proxectos de carácter estratéxico para Galiza.
A este proxecto achegaranse o 5 por cento dos orzamentos do programa de recursos humanos do IN.CI.TE, entre 8 e 9 millóns de euros, que servirán para que a unidade desenvolva procedementos e campañas de captación dos máis acreditados investigadores do mundo en dúas modalidades de contratación: temporal e indefinida.