Innovación asina os protocolos de colaboración que regula o seu Plan Galego de I+D+i

venres, 14 de novembro do 2008 Raquel Noya

O conselleiro de Innovación e Industria, Fernando Blanco, vén de asinar co conselleiro do Medio Rural, Alfredo Suárez Canal (en calidade de presidente do Instituto Galego de Calidade Alimentaria), cos reitores das tres universidades galegas, e con representantes de distintas entidades galegas como o Centro de Supercomputación de Galicia, o Centro Tecnolóxico de Automoción ou os complexos hospitalarios de Santiago, Vigo e A Coruña, os respectivos protocolos de colaboración para regular a convocatoria do programa horizontal de recursos humanos do Plan Galego de I+D+i.
Outras entidades como a Asociación de Fabricantes de Conservas (ANFACO), a Asociación de Investigación Metalúrxica do Noroeste (AIMEN) e as Fundacións para o Fomento da Calidade Industrial e o Desenvolvemento Tecnolóxico de Galicia, tamén asinaron con Industria os seus respectivos protocolos que teñen por obxecto regular os aspectos previos que permiten a posta en marcha de diversas accións de formación de investigadores correspondentes á convocatoria de axudas para o ano 2008 dentro do programa INCITE.
Deste xeito, en virtude do acordado hoxe, a Consellaría recolle na convocatoria pública de axudas os requisitos que deberán cumprir os candidatos, as condicións de avaliación e selección dos mesmos e a dotación, número e duración dos contratos ofertados a través dos distintos programas(Ángeles Alvariño, Isidro Parga Pondal, María Barbeito, Lucas Labrada e Isabel Barreto).
Pola súa banda, as entidades asinantes facilitaranlle á Consellaría a relación de destinos que desexan ofertar para cada programa e levarán a cabo a contratación dos candidatos ou candidatas seleccionados polo departamento autonómico en base aos criterios e baremos establecidos na orde de convocatoria das axudas do Programa de Recursos Humanos. As entidades asinantes integrarán aos beneficiarios das axudas nos centros, departamentos, institutos e organismos nos que leven a cabo o seu labor. A Consellaría asumirá as obrigas económicas derivadas da resolución da convocatoria de axudas e realizará os abonos pertinentes ás entidades de acordo coas condicións que se establecen na propia convocatoria. A convocatoria de 2008 suporá un investimento total por parte de Innovación e Industria de máis de 30 millóns de euros para o período 2008-2011.