Industria axúdalle ao empresariado a iniciarse na venda en liña
mércores, 25 de abril do 2012
Hai só uns anos, as principais preguntas que se facían os empresarios e autónomos
perante a inminente chegada da crise económica global eran do tipo de: “ofrecerame
Internet a solución que busco para o meu negocio?”, “haberá posibilidades reais
de ofrecer os meus servizos na Rede?”, “será un lugar seguro para vender con
éxito os meus produtos?”; hoxe as preguntas que se fan os mesmos axentes
tornaron nun xiro de 360 graos, e o que máis e o que menos sabe que o futuro
dos seus negocios pasa inevitablemente por investir en eComercio (non hai máis
que ver os datos do último estudo do ONTSI sobre comercio electrónico en
España, que indican que a cifra de negocio incrementouse en máis de 9.000
millóns de euros no último ano) , mais iso si, agora as dúbidas xorden en torno
ao modelo a seguir para iniciarse no comercio electrónico como canle de venta, e
tamén en como comezar a operar neste novo panorama dixital.
Dende o Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo, a través da entidade
Red.es, coñecen as necesidades que neste senso teñen actualmente os empresarios
e autónomos españois, e a fin de axudarlle a iniciarse na súa andaina de venda
en liña, veñen de presentar o programa ¿Vendes
en Internet?, co que buscan apoiar ás pequenas e medianas empresas nesta
iniciativa online.
A entidade pública tamén pretende aumentar o número de empresas que vendan
os seus produtos e servizos na Rede, ao tempo que tratan de promover a creación
dunha oferta de calidade en cada segmento de actividade.
Para isto, o devandito programa está dotado dun presuposto de 1,6 millóns
de euros, distribuídos en tres liñas de actuación, mediante as que se aportan
as ferramentas necesarias para iniciar ou potenciar o comercio electrónico,
tales como talleres de formación, un servizo de asesoramento personalizado e a
creación da web www.vendeseninternet.es.
Asemade, para apoiar esta crecente área de negocio, o organismo público vén
de destinar tamén un presuposto de 4 millóns de euros a unha convocatoria de
axudas (na actualidade pechada) que permitirá contratar servizos de
asesoramento personalizado para a posta en marcha da canle de venda en liña e
implantar solucións tecnolóxicas de comercio electrónico.
Actuacións
do Programa
Talleres de formación
ata o vindeiro 30 de xuño desenvolveranse 26 sesións de formación
presencial repartidas en cidades de oito comunidades autónomas, entre as que se
inclúe Santiago de Compostela.
Cada taller ten unha duración de catro horas e tratará diferentes
temáticas relacionadas co negocio electrónico e os seus aspectos tecnolóxicos e
legais; estes servirán para achegarlle ás persoas participantes as respostas ás
principais dúbidas que vaian xurdindo no momento de iniciarse no negocio do
comercio electrónico.
Asesoramento e web de apoio
O programa tamén ofrecerá asesoramento personalizado a cada empresario ou
autónomo, que poderá realizar as consultas que desexe tanto en liña como de
xeito presencial nos devanditos talleres. Asemade, a través da web VendesEnInternet.es
posta en marcha no marco do programa, os internautas poderán acceder a
información relativa á formación, casos de éxito, catálogos de provedores,
produtos tecnolóxicos e todo tipo de recursos de utilidade para a súa andaina
na Rede.
