Igalia celebra o seu décimo aniversario

xoves, 17 de novembro do 2011 Raquel Noya

Persoas comunicativas, activas, responsables, habilidosas, experimentadas e, por enriba de todo, comprometidas cos valores e a filosofía do software libre; así son e deben ser as persoas que forman parte do equipo de Igalia, unha empresa galega comprometida coa sociedade, que cumpre agora dez anos de vida e que o vai celebrar por todo o alto o vindeiro mércores, 23 de novembro, na súa oficina da Coruña.
Alí están a preparar unha gran festa, á que poderán acudir familiares, amigos, hackers, clientes, colaboradores, alumnos, mestres, socios e todas aquelas persoas que contribuíron a que Igalia se convertera no que é hoxe en día: un referente internacional no eido do software libre cunha facturación anual que supera os 2 millóns de euros.
A festa dará comezo ás 20:00 horas e incluirá un buffet de comida variada e bebida, onde a xente poderá charlar e coñecerse, así como unha charla sobre Igalia da man de Xavier Castaño, quen falará da súa historia para que os convidados á festa poidan saber algo máis do que é esta firma pioneira no noso país.
Tamén haberá un museo de móbiles e dispositivos nos que a firma traballou nestes dez anos, con aplicacións de demostración instaladas para os que queiran xogar un anaco, así como con logotipos antigos, recortes de prensa sobre Igalia, camisetas, o seu primeiro cheque, gráficos da súa evolución e unha peculiar liña do tempo que mostra a óptima evolución da empresa.
Asemade, haberá unha proxección continua con vídeos de todo tipo de eventos nos que Igalia ten participado, incluídos algúns de coleccións persoais que nunca se viran en público, así como unha exposición de fotografías de arquivo.
Por suposto, e como colofón a unha xornada que resume unha década enteira de “compañeirismo e colaboración”, non faltarán os regalos sorpresa para os asistentes, que ademais terán a oportunidade de ver, de primeira man, a estrea do logotipo do décimo aniversario da firma, unha firma que dende logo non perdeu o tempo nin as ganas de seguir apostando polo uso de fontes abertas.
E é que semella que aínda foi onte cando un pequeno grupo de enxeñeiros informáticos decidiron crear unha empresa na que puideran “sentirse como nun proxecto de software libre”, “unha empresa baseada en xente, que atraera talento e que promovera a colaboración, a neutralidade, a independencia e os principios de universalidade herdados directamente das comunidades de software libre”, foi o nacemento de Igalia.
Tan só unha década despois, esta empresa está composta xa por 44 persoas, ou mellor dito igalos, que traballan nunha contorna idílica, digna dos máis fantasiosos contos de fadas, a modo de cooperativa de traballadores asociados, gobernada por unha asemblea na que todos teñen voz e voto.
Igalia ten a súa oficina principal na Coruña e outra máis pequena en Pontevedra, porén ao mesmo tempo, 16 persoas traballan dende a súa casa en lugares como Barcelona, Helsinki, Bruxelas, Madrid, San Francisco, Boston, Ourense, Sevilla, Terrasa ou Santiago de Compostela.
Ao longo dos seus 10 anos de historia esta empresa galega nunca deixou de coidar á súa xente, ofrecéndolle servizos tan gorentosos como un seguro privado de saúde, horarios flexibles, fisioterapia preventiva, ordenadores portátiles de seu para os traballadores, e toda sorte de instalacións nas oficinas como duchas, cociña ou espazos de recreo para que os igalos que non gustan do teletraballo “se sintan coma na súa casa”.
E se isto non fora pouco atractivo para o resto dos mortais que non traballamos nesta entidade, dende o ano 2005, Igalia celebra dúas veces ao ano unhas peculiares reunións chamadas summit, que son en parte profesionais e en parte recreativas, e que se organizan nalgún lugar acolledor do país onde pasar un fin de semana de relax, coñecendo mellor ao resto de integrantes e poñendo en común a súa visión de pasado, presente e futuro da empresa.
Non é de estrañar pois, que dez anos despois esta empresa con traballadores tan satisfeitos e comprometidos, cumpra as súas expectativas e recolla os froitos dun traballo ben feito, con recoñecementos internacionais por proxectos de software libre como Webkit e WebKitGTK+, Gstreamer, MeeGo, Epiphany, Linux ou GNOME, así como outros proxectos e comunidades aos que se comprometeron a axudar aportando código e documentación, organizando hackfests e patrocinando eventos.
Na nota que nos fixo chegar á redacción de Código Cero con motivo desta celebración, Igalia asegura que “vainos ben e estamos orgullosos e felices de formar parte de algo que importa”; e tanto!. Parabéns Igalia, a seguir triunfando outros tantos anos, e nos que o vexamos.