HP presenta novos produtos para mellorar o rendemento das empresas

xoves, 14 de xullo do 2011 Raquel Noya

A compañía tecnolóxica HP, na súa teima por mellorar o rendemento dos activos tecnolóxicos das compañías de todo o mundo, vén de presentar a súa nova suite HP IT Performance, que abrangue un amplo abano de servizos para realizar os seguimentos axeitados en cada empresa.
Máis polo miúdo, a suite inclúe tódolos procesos tecnolóxicos esenciais de seguimento nunha empresa, que van dende as operacións cotiás, ata o goberno da información, pasando pola xestión do ciclo de vida das aplicacións e a seguridade dos datos.
Con este lanzamento, HP actualiza considerablemente o seu portfolio, o cal evolucionou dende a automatización e a optimización de TI, cara a mellora da eficiencia e o rendemento para o negocio, combinando os novos compoñentes de seguridades, xestión da información e solucións analíticas, respecto dos produtos que se incluían na anterior suite: a HP Business Techonology Optimization (BTO).
Agora, grazas á mellorada e renovada gama de produtos de HP IT Performance Suite, a compañía ofrece “unha valiosa información en tempo real e un maior control sobre os seus investimentos en TI”, afirman, que proporcionan a confianza necesaria para que o empresario invista en innovación.
A nova suite inclúe familias completas de produtos para as áreas de Estratexia, Plafinicación e Goberno de TI, así como para a xestión do ciclo de vida das aplicacións e as operación relacionadas coas TIC no seo da empresa.
Asemade, inclúe o novo HP IT Executive Scorecard, cuxo obxectivo é axudar a mellorar o rendemento de TI, proporcionando aos CIOs unha visión completa das solucións que achega e permitindo optimizar todo tipo de aplicacións e operacións do eido da seguridade e a xestión da información.
En definitiva, trátase dun amplo abano de produtos tecnolóxicos que lle permitirán aos seus usuarios realizar con éxito as tarefas de control de rendemento das operacións nas súas empresas.