Gradiant impulsa un detector de dispositivos que nos amosa o que lle interesa aos nosos clientes

luns, 11 de abril do 2016 Redacción

Co obxectivo de axudarnos a extraer información útil, eficaz e rendible sobre o noso mercado potencial, o Centro Tecnolóxico Gradiant vén de desenvolver “un detector de dispositivos” que permite saber quen se aproxima a un punto de interese, canto se achega e que tempo fica na súa contorna (e mesmo cal é o modelo de dispositivo que leva no seu peto). Grazas a este “detector”, sinalan fontes do centro, podemos coñecer cal é o grao de atractivo que xeran determinados emprazamentos. Este desenvolvemento é unha innovadora mostra da evolución experimentada pola mercadotecnia ao longo do último decenio. Segundo apunta Gradiant, “unha boa análise de datos sobre os nosos clientes potenciais pode axudarnos a multiplicar vendas”.
En boa medida, o “detector” tamén se dirixe a sensibilizar ás empresas sobre un ámbito de información de gran importancia para as súas actividades: o comportamento e as motivacións dos seus clientes. “Cada persoa, cada consumidor”, informa o centro tecnolóxico con motivo da presentación do “detector”, “xera cada poucos días centos de megas de información sobre as súas rutinas, costumes, gustos ou desprazamentos”. Dito doutro xeito: os nosos dispositivos intelixentes son en certa medida un elemento de gran valor para nós mesmos pero tamén para as firmas que operan no mercado.
Para desenvolver esta tecnoloxía, Gradiant achegou un sistema que estuda o tráfico de datos e máis a intensidade dos sinais que emiten os dispositivos móbiles, e grazas ás técnicas de Data Anaytics (analíticas de datos) pódese pescudar o fluxo de visitas e máis a proximidade dos usuarios no intre mesmo de amosar “o interese”. En definitiva, podemos identificar “puntos quentes” nunha tenda, rúa ou centro comercial, para saber que áreas atraen clientes e cales non.
Segundo engade Gradiant, “coñecer o tempo que un smartphone fica preto dunha localización, ou as veces que volve visitala, ofrécenos unha medida fiable e concreta sobre o interese que esperta esa localización e os seus elementos sobre un cliente potencial”. Así, “canto máis preto estea o cliente e máis tempo permaneza aí, maior con toda probabilidade será o seu grao de interese”. Esta información xerada, explican os responsables do desenvolvemento, resulta “moi útil para validar novos produtos, mellorar a distribución do xénero ou verificar estratexias de mercadotecnia”. Entre os casos concretos que se citan como potenciais “usuarios” deste sistema atópanse as diferentes actividades postas en marcha por congresos, exposicións, tendas de retail ou supermercados. “O noso prototipo”, engade Gradiant, “pódese combinar con outras tecnoloxías Gradiant para o retail, como Gradiant Demographics ou os nosos desenvolvementos sobre Vídeo Analytics ou Análise de Sentimentos en Redes Sociais”.
A principal consecuencia destes recursos postos en xogo son un feixe de datos de valor que nos permiten encetar todo tipo de decisións estratéxicas. Por exemplo: utilizar técnicas de atracción de tráfico, validar campañas puntuais ou desenvolver promocións de mercadotecnia que atraian máis público obxectivo. Ou, tamén, combinar de maneira intelixente esta información con outra que xa está en poder das marcas, por exemplo o tempo concreto en que un establecemento ten máis xente ou vende máis. “Isto”, conclúe Gradiant, “pode ser o xermolo dunha estratexia que multiplique os resultados nun determinado punto de venda”.
O prototipo foi presentado con gran éxito no Big Data & Analytics Retail Summit 2016.