Googlebook: un novo tipo de portátil centrado na IA

martes, 12 de maio do 2026 Redacción

Google anunciou os Googlebook, unha nova familia de portátiles concibidos arredor de Gemini Intelligence, a súa visión dunha informática máis proactiva e integrada coa intelixencia artificial. Estes equipos preséntanse como a evolución natural dos Chromebook, apostando agora por combinar tecnoloxías de Android e ChromeOS nunha plataforma deseñada especificamente para a asistencia contextual de Gemini.
Os Googlebook integran aplicacións de Google Play, unha experiencia centrada no navegador Chrome e unha nova capa de interacción impulsada pola IA. Google asegura que a intención é pasar dun sistema operativo a un sistema de intelixencia, convertendo o portátil nun dispositivo capaz de anticiparse ás necesidades do usuario.
Un dos elementos máis rechamantes é o Magic Pointer, unha reinterpretación do cursor tradicional desenvolvida en colaboración co equipo de Google DeepMind. Ao mover o cursor de determinada maneira, Gemini pode ofrecer accións contextuais sobre o contido da pantalla. Entre os exemplos mostrados figura a posibilidade de detectar automaticamente unha data nun correo electrónico para crear unha reunión ou combinar dúas imaxes (como unha fotografía dun salón e outra dun sofá) para visualizar rapidamente como quedarían xuntas.
Google tamén levará aos Googlebook a función Create your Widget, que permitirá crear widgets personalizados mediante instrucións escritas en linguaxe natural. Gemini poderá recompilar información de Gmail, o Calendario e outros servizos de Google, así como buscar datos na web, para xerar paneis personalizados. Nun dos casos de uso descritos, o sistema organiza automaticamente voos, reservas de hotel, restaurantes e unha conta atrás para unha reunión familiar en Berlín.
A nova plataforma busca tamén unha integración máis profunda co ecosistema Android. Google quere facilitar a transición entre portátil e smartphone, permitindo abrir aplicacións do móbil desde o ordenador sen interromper o fluxo de traballo. Entre os exemplos ofrecidos figura a posibilidade de responder rapidamente a unha notificación dunha aplicación de reparto de comida ou completar unha lección de Duolingo sen abandonar o escritorio do portátil.
Outra función destacada será Quick Access, coa que os usuarios poderán consultar e empregar ficheiros almacenados no teléfono directamente desde o explorador de arquivos do Googlebook, sen necesidade de transferencias manuais.
Google confirmou que está a colaborar con Acer, ASUS, Dell, HP e Lenovo para desenvolver os primeiros modelos comerciais. Todos os equipos compartirán unha identidade visual propia marcada pola chamada glowbar, unha barra luminosa que funcionará como elemento distintivo da marca.
Os primeiros dispositivos Googlebook chegarán ao mercado durante o outono.

Vídeo promocional do concepto de Googlebook