Google amosa en San Francisco o camiño de renovación de moitos dos seus servizos

mércores, 15 de maio do 2013 Marcus Fernández

Esta tarde tivo lugar a presentación principal do Google I/O 2013, que tivo unha duración moi superior ao que a meirande do público agardaba, pois estiveron expoñendo novidades de Google durante unhas 3 horas, ás que seguiu unha sorprendente intervención de Larry Page, co fundador da compañía, que hai poucos días deu conta dos seus problemas de saúde que dificúltanlle falar ante o público, pois padece unha parálise de cordas vogais, e que aproveitou a ocasión para falar das liñas xerais de Google e responder ás dúbidas dos asistentes, á vez que daba visibilidade ao seu problema na fala.

Google Play

No que respecta a Android e a Google Play non foron poucas as novidades anunciadas, como o feito de que a tenda de aplicacións de Google superou os 48.000 millóns de aplicacións descargadas (máis de 2.000 millóns só no último mes); anuncian o servizo Google Play Music All Access (unha plataforma de música na nube na liña de Spotify, que mediante subscrición facilita o acceso a millóns de cancións que terá un custo de 9,99 dólares/mes, aínda que promocionalmente poderá contratarse por 7,99 dólares/mes); estrean unha categoría para Educación en Google Play coa vista posta no uso educativo de tablets; e incluso dan conta de que van vender na súa tenda en liña unha versión especial do Samsung Galaxy S4 que funcionaría cunha versión de Android limpa (ou sexa, que sería coma os teléfonos de Google baixo o selo Nexus, podendo así atender aos desenvolvedores que buscan a flexibilidade dun móbil deste tipo pero non están conformes coas prestacións do Nexus 4).
Outro anuncio importante tamén e a presentación de Google Play services, unha aplicación central na liña das plataformas de xogo para iOS, PS3 ou Xbox 360, que permite gardar partidas na nube, competir con outros usuarios, obter logros nos xogos e ter taboleiros de puntuación en liña e, aínda que está pensado para Android, tamén estará dispoñible para iOS e a web.

Hangouts

Relacionado co mundo móbil, e tamén teriamos que Google anuncia os seus Hangouts renovados, de xeito que concentrará todos os seus servizos de mensaxería instantánea baixo unha única aplicación, que ofrecerase de xeito independente, contará con posibilidades de conversa en grupo, terá notificacións sincronizadas e está xa dispoñible para iOS, Android e web. Con este paso integrador podemos ver tanto a racionalización da comunicación persoal a través de servizos de Google como a proposta dunha alternativa a plataformas como WhatsApp, que parece ser a teima de compañías como Facebook ou Google.

Google+

E aínda que Google+ continúa a ter problemas para callar entre a sociedade, continúa a mellorar, estreando hoxe mesmo unha interface totalmente renovada e mellorando substancialmente o seu sistema de almacenamento de fotografías, que xa non se limita a tal función, senón que inclúe funcionalidades para a mellora das imaxes, permitindo realizar axustes automáticos sobre as mesmas, crear fotografías panorámicas de xeito automático, crear GIF animadas e outras prestacións que fan que as nosas fotografías teñan un acabado cada vez mellor. Temos así que Google+ convértese en todo un cuarto escuro, no que as fotografías revélanse nos servidores de Google en vez de no noso móbil ou na nosa cámara fotográfica.


Repaso en vídeo do novo deseño de Google+

Google Maps

No encontro tamén presentáronse mellorar en Chrome e en Google Now e o grafo de coñecemento de Google, aínda que máis destacadas foron as novidades de Google Maps, que presenta unha nova versión máis personalizable que nunca, facilitando ao usuario a posibilidade de resaltar os elementos que considere máis relevantes (adaptándose o mapa dun xeito automático ás nosas necesidades, e realizando recomendacións), os locais aparecerán no mapa xunto a tarxetas de información con datos como os seus horarios e mesmo valoracións doutros usuarios, facilítase a exploración gráfica do mundo (podemos acceder ao Street View e a vistas aéreas e 3D como se estivésemos en Google Earth directamente dende o navegador) e incluso poderemos aproveitarnos de melloras constantes no xeito no que os mapas se nos amosan, pois Google Maps irase axustando ao xeito no que usemos a súa aplicación web (aínda que polo momento o acceso a esta nova tecnoloxía está en fase pechada de probas).


Vídeo coa presentación completa desta tarde