Geekom prepara ordenadores compactos con procesadores de Qualcomm

mércores, 4 de decembro do 2024 Marcus Fernández

O pasado mes de maio Qualcomm anunciou que estaba a preparar un ordenador compacto orientado a desenvolvedores que queiran adaptar as súas aplicacións aos novos procesadores Snapdragon X Elite, e aínda que resultaba un equipo prometedor, a compañía tivo problemas de produción e anunciou a cancelación deste proxecto de hardware, para decepción de moitos que desexaban ver unha alternativa con Windows aos Mac mini de Apple.
A sorpresa chega agora a través da plataforma social chinesa Weibo, onde publican unha imaxe promocional da vindeira familia de miniordenadores de Geekom, asegurando que os Geekom QS serán os primeiros equipos deste tipo con procesador de Qualcomm.
Confíase a que estes novos equipos funcionen con procesadores Qualcomm Snapdragon X Elite, que teñen un desempeño máis que aceptable, e destacan especialmente polo seu procesador neuronal (capaz de mover a intelixencia artificial de Microsoft).
Polo momento non temos máis detalles (como o procesador en concreto que equiparía Geekom nos seus novos ordenadores), pero si vemos que estariamos ante ordenadores moi compactos, con lector de tarxetas de memoria nun lateral, e unha frontal con dous portos USB e conector para auriculares.
Resultará curioso ver como un fabricante como Geekom comercialice equipos cunha configuración que a propia Qualcomm non foi quen de facer realidade, servindo para probar se este tipo de procesadores teñen un oco no mercado dos ordenadores de escritorio.