Galicia presenta unha alta implantación das TIC no seu tecido empresarial
luns, 28 de novembro do 2011
O Observatorio da Sociedade da Información e a Modernización de Galicia (OSIMGA) vén de publicar os resultados das enquisas sobre a Sociedade da Información que realizou entre as microempresas e empresas galegas de 10 e máis empregados, dos cales destaca que o 63,8 por cento das mesmas ten contratada conexión a Internet, o que supón, segundo informan, “un incremento de 17,1 puntos porcentuais nos últimos dous anos”.
O estudo indica que das microempresas con conexión a Internet que hai no noso país, o 45,7 por cento conta cunha velocidade de acceso de 4Mbps como mínimo e no caso das empresas de 10 e máis empregados, a práctica totalidade dispón de acceso a Internet contratado (98 por cento), 5,1 puntos por enriba dos rexistrados en xaneiro de 2009. Cabe salientar, asemade, que máis da metade, o 53,2 por cento, conta con velocidade superior a 4Mbps.
O obxectivo das enquisas realizadas polo OSIMGA é avaliar a evolución da penetración e uso das novas tecnoloxías no tecido empresarial galego e, neste senso, a diagnose correspondente ao 2010 é moi positiva pois Galicia presenta unha alta implantación das TIC nas empresas de 10 e máis empregados e un crecemento importante nas microempreas malia que estas últimas manteñen a fenda dixital con respecto ás empresas de 10 e máis empregados.
Malia ao optimismo dos resultados, o estudo tamén reflicte que as microempresas galegas seguen sen dispoñer de web propia en Internet (só o 27,4 por cento afirma tela) e o uso de comercio electrónico segue limitándose a unha minoría (o 19,4 por cento realizou compras en liña e tan só o 8,3 por cento vendeu a través de Internet no período analizado).
No tocante á interacción coas Administracións Públicas cabe salientar que as microempresas usan a Rede nun 45,7 por cento dos casos, unha porcentaxe que ascende ao 75,3 por cento no caso das empresas de 10 e máis empregados.
En canto ao emprego de mecanismos de seguridade como é o uso da sinatura dixital, cómpre destacar que en 2010 a utilizaron o 26,2 por cento das microempresas e o 60,6 por cento das empresas de 10 e máis empregados con conexión a Internet, en ambos casos principalmente para realizar trámites coa Administración.
A sinatura dixital, pola súa banda, experimentou un incremento moderado desde xaneiro de 2009, aumentando 2 puntos porcentuais no caso das microempresas e 5,8 puntos porcentuais nas empresas de 10 e máis empregados.
Todos os informes e documentos do OSIMGA distribúense libremente na Rede baixo licenza Creative commons e están dispoñibles na web do Observatorio.
