Formación sobre a tramitación de licenzas municipais para a instalación de estacións base de radiocomunicación

luns, 4 de xullo do 2011 Redacción

O Colexio Oficial de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia (COETG) e a Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica porán en marcha unha serie de xornadas formativas destinadas aos técnicos municipais e responsables do goberno local con competencias en materia de urbanismo e novas tecnoloxías dos 315 concellos galegos. O obxectivo das xornadas é capacitar a estes profesionais na tramitación das licencias municipais para a instalación de estacións base de radiocomunicación, tanto no relativo ás urbanísticas como ás de nova apertura ou funcionamento.
Esta iniciativa enmárcase nun convenio asinado entre a responsable do departamento autonómico, Mar Pereira, e o decano do COETG, Ramón Bermúdez de Castro, no que ademais se contempla o fomento das Telecomunicacións e da Sociedade da Información a través de outras accións como a promoción de proxectos innovadores no eido das TIC en Galicia. En virtude do acordo a Secretaría Xeral achegará ao Colexio un total de 55.000 euros para o desenvolvemento destas actuacións.
As xornadas técnicas serán impartidas por enxeñeiros de telecomunicación con gran experiencia neste eido pertencentes ó COETG. Os relatores elaborarán a documentación específica tratando de aportar o maior valor engadido posible tanto no plano técnico como docente. Para o desenvolvemento das devanditas xornadas se utilizarán as aulas dos concellos pertencentes á rede de Centros para a Modernización e Inclusión Tecnolóxica da Xunta (CeMIT), co obxectivo de optimizar recursos.