Fecyt inviste 4 millóns para o fomento da cultura científica e tecnolóxica

venres, 14 de marzo do 2008 Raquel Noya

A Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía (Fecyt) vén de por en marcha unha convocatoria de axudas para a financiación de accións de divulgación científica e tecnolóxica 2008, en cumplimento dos obxectivos fixados no Plan Nacional I+d+i 2008-2011.
A dotación máxima global da presente convocatoria de axudas ascende a 4 millóns de euros, que a Fecyt destinará para apoiar accións xerais de divulgación científica e para continuar dándolle pulo á celebración en España da Semana da Ciencia.
Como aspectos novidosos, a devandita convocatoria dispón dunha liña específica de financiación para actividades enmarcadas no Ano Internacional do Planeta Terra 2008 e para apoiar a preparación de futuras conmemoracións científicas como o Ano Internacional da Astronomía 2009 ou o 150 aniversario da publicación de A orixe das Especies de Charles Darwin.
As accións que resulten finalmente aprobadas e financiadas en virtude desta convocatoria deberán ser executadas no periodo comprendido entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro do presente ano.