Facenda activará unha xanela única para pagar en liña os impostos sobre a vivenda

luns, 5 de xullo do 2010 Raquel Noya

O feito de conectar o ordenador, acceder a Internet, premer un par de ligazóns co rato e presentar telematicamente calquera tipo de documento sen acudir ás oficinas da Consellaría de Facenda, vai a ser unha tarefa que de aquí a un tempo poderemos facer todos os galegos e galegas, posto que o devandito organismo vai activar unha “xanela única” á que acudir para pagar e presentar o imposto de transmisións patrimoniais e actos xurídicos documentados (ITP-AXD), sen movernos da nosa cadeira.
A Xunta de Galicia, en colaboración co Consello Xeral do Notariado e o Colexio de Rexistradores da Propiedade e Mercantís de España, vén de anunciar que, a partir do vindeiro mes de setembro, ”completará a presentación e pagamento telemático das autoliquidacións correspondentes ao ITP-AXD xa dispoñible na actualidade, coa posibilidade de remisión, tamén por vía telemática, das escrituras e demais documentos notariais, o que supón evitar ao contribuínte calquera desprazamento ás oficinas xestoras da Consellería de Facenda”.
A xanela única telemática permitirá cumprir a totalidade dos trámites a realizar en relación cunha escritura publica dende o seu outorgamento ante Notario ata a inscrición do acto ou negocio xurídico no correspondente Rexistro, previo pagamento e presentación do imposto.
Este constitúe, segundo informan dende a entidade responsable, “un paso máis na estratexia do Executivo galego de conseguir unha administración máis eficiente, áxil, moderna e cercana aos cidadáns”, que lle evite molestias innecesarias aos contribuíntes e que reduza a carga fiscal indirecta que representan estas obrigas.
O funcionamento deste sistema de presentación e pago telemáticos é moi doado: comeza cando o contribuínte lle comunica ao notario a súa vontade de que o documento notarial sexa remitido por vía telemática á Consellería de Facenda e ao Rexistro competente.
Posteriormente, o notario fará o envío e comunicará ao contribuínte un código único identificativo do documento notarial enviado. Este código será facilitado polo contribuínte na presentación telemática da autoliquidación do imposto co obxecto de obter o xustificante de presentación tanto do tributo coma do documento.
Finalmente, o contribuínte solicitará a inscrición por vía telemática no Rexistro aportando os xustificantes anteriormente mencionados.