Facebook quere colocarse no centro do móbil con Home

xoves, 4 de abril do 2013 Marcus Fernández

Mark Zuckerberg pretende que Facebook Home revolucione o xeito de usar o smartphone

Mark Zuckerberg presentou hoxe Home, unha nova capa para móbiles Android que converte os smartphones co sistema operativo de Google nun dispositivo máis social, “orientado ás persoas, non ás aplicacións”, o que non deixa de ser un xeito de querer reter aos usuarios móbiles en Facebook como tamén queren facer na web, o que procuran convertendo a esta plataforma social na pantalla de desbloqueo e no menú principal dos móbiles con Android, incorporando tamén un lanzador de aplicacións para que poidamos acceder tamén ao resto de ferramentas do móbil, pero centrando o seu uso na comunicación cos nosos contactos e o intercambio de experiencias coas mesmos.

Facebook Home integra un lanzador de aplicacións, de xeito que pode converterse na interface de usuario principal dos smartphones con Android

Deste xeito, Facebook Home non é un sistema operativo nin un móbil, senón unha capa de software sobre Android, que poderiamos comparar ao que fabricantes como Samsung ou HTC fan ao incorporar TouchWiz e HTC Sense aos seus móbiles, centralizando a comunicación nunha única ferramenta, minimizando o salto entre aplicacións.
Facebook Home está baseado en 3 grandes piares: Cover feed ou fluxo de portada (na pantalla de desbloqueo e na páxina de inicio do móbil parecen os contidos que comparten os nosos amigos de xeito automático, permitindo a navegación entre os mesmos mediante xestos), Chat heads ou cabezas de diálogo (cando esteamos usando outras aplicacións no móbil, aparecerán uns círculos indicando as conversas que se estean actualizando cos nosos amigos, tanto de xeito individual como en grupo, facilitando o acceso a estas comunicacións, que poden ser tanto mensaxes de Facebook como SMS) e notificacións (as informacións que estean dirixidas a nós aparecerán destacadas mediante notificacións que incluirán a imaxe de perfil das persoas que estean a contactarnos). Facebook Home actualizarase mensualmente con novas prestacións, e nos vindeiros meses procurarán adaptalo tamén a tablets.
Esta nova solución estrearase o vindeiro 12 de abril en Google Play, onde estará dispoñible para a súa descarga de balde, funcionando inicialmente nos terminais HTC One X, HTC One X+, Samsung GALAXY S III e Samsung GALAXY Note II, chegando máis adiante ao HTC One e ao Samsung GALAXY S 4 e outros dispositivos. Pero Facebook tamén está a negociar con distintos fabricantes a integración de Home non seus terminais, e froito destas conversas o mesmo día 12 tamén estrearase nos EE.UU. o móbil HTC First, que será o primeiro smartphone en integrar de serie Facebook Home.

Zuckerberg deu a coñecer os primeiros móbiles que serán compatibles con Facebook Home
Facebook Home poderá descargarse de Google Play


Vídeo promocional de Facebook Home