Facebook písalle os talóns a YouTube no tocante ás consultas de vídeos

martes, 21 de agosto do 2012 Raquel Noya

Reproducir vídeos que outros usuarios comparten nos seus muros ou collelos doutras plataformas en liña para que os nosos amigos os consulten é unha costume cada vez máis estendida en Facebook, tanto que a plataforma xa vén de converterse na segunda máis utilizada polos internautas nos Estados Unidos para consultar vídeos en liña.
E é que segundo un estudo elaborado pola compañía de investigación ComScore, para o que se empregaron datos de máis de 184 millóns de usuarios de Internet de EE.UU, “un total de 53.045 usuarios prefiren Facebook fronte a outras plataformas como Yahoo, VEVO ou Microsoft para reproducir vídeos”.
Á popular rede social só a supera YouTube, con 157.000 usuarios únicos no mes de xullo, o que a converte na rede social máis importante no tocante á difusión de contidos audiovisuais.
O terceiro posto, segundo o estudo, ocúpao Yahoo! Sites, cun total de 48.693 usuarios únicos durante o mes de xullo, e VEVO sitúase na cuarta posición, con 44.844 espectadores, deixando o quinto posto para Microsoft Sites, con 42.677 visitantes no mesmo mes.
O estudo de ComScore revela tamén a cantidade de tempo que os internautas de Estados Unidos lle dedican a ver vídeos en cada plataforma, unha categoría que tamén lidera YouTube, cunha media de de 525 minutos por usuario.
Os usuarios de Facebook, pola súa banda, dedícanlle unha media de 21 minutos a ver vídeos na rede social, unha diferenza abismal respecto da plataforma de Google; isto demostra, entre outras cousas, que a comunidade internauta prefire outros servizos máis especializados que Facebook cando se trata de dedicarlle máis tempo ao visionado de contidos en liña, deixando a rede social para consultar as pezas que lle chamaron a atención aos seus “amigos”.

PUBLICIDADE