Estréase en Lugo o proxecto de navegación segura Brújula
xoves, 16 de abril do 2009
Son
moitos os nenos e nenas no noso país que a día de hoxe non teñen problema algún
para empregar o seu propio ordenador e moito menos para acceder a Internet,
onde teñen ao seu alcance gran cantidade de información e imaxes que poden
resultar un perigo se non se ten tino e se vixía por onde navegan.
Se
ben é certo que a Rede nos ofrece a tódolos internautas en xeral, e á infancia
en particular, unha fonte de ferramentas inesgotable para a súa educación e
comunicación cos demais, a miúdo (nunca nos cansaremos de repetilo) pode ser
perxudicial o seu uso e non sempre os pais e nais, mestres e mestras e todas
aquelas persoas responsables dalgunha maneira da súa seguridade poden evitar
que exploren este mundo virtual ás súas anchas.
É
por isto que, hoxe mesmo, tivo lugar en Lugo a inauguración oficial do último
traballo de Agestic, o proxecto
Brujula., que vai destinado a educar aos máis cativos e cativas da casa
para unha navegación segura pola Rede.
Esta
iniciativa, que se enmarca dentro dos Programas
de difusión sobre utilización segura de Internet do Plan Avanza, consiste
nun espazo escénico que recolle información sobre os riscos no uso de Internet
e a súa prevención e actuación ante os mesmos, no que os participantes realizan
unha visita guiada por un itinerario predefinido como un Xogo de rol, ameno e divertido, no que teñen un papel activo e
participativo.
Partindo
da expresión “navegar pola Rede”,
comúnmente aceptada para definir o uso das distintas aplicacións en Internet,
este espazo escénico representa unha “embarcación”,
na que se atopan os seguintes compartimentos:
-Posto de mando.
Contén
información sobre os riscos, a prevención e cómo actuar ante a información
pouco fiable e falta, inapropiada e nociva, perigosa, inmoral e ilícita, así
como ante a dispersión e a perda de tempo.
-Sala de comunicación.
Nesta
sala, os visitantes aprender a actuar sobre os riscos relacionados coa
comunicación interpersoal, tales como o correo electrónico, as redes sociais…
-Adegas.
Os
nenos e nenas que se acheguen a esta sección, poden recadar información sobre a
publicidade abusiva na Rede, as compras en liña, os roubos, a violación da
propiedade intelectual e as consecuencias dos gastos telefónicos desorbitados,
entre outras cuestións.
-Sala de máquinas.
Neste
compartimento, aparecen as nocións sobre problemas de virus, espionaxe,
publicidade subliminal, spam…
-Camarotes.
Por
último, nos camarotes, os visitantes aprenden os riscos e a prevención de todo
o que pode chegar a converterse nunha adición: compras, xogos, entornos
sociais…
Os
participantes, guiados por un “capitán”
(monitor) irán percorrendo os distintos compartimentos, nos que se lles irá
informando sobre as normas de uso e as pautas de conduta máis seguras para
navegar por Internet.
Ao
final do percorrido, cada participante recibirá cadanseu diploma acreditativo
así como un “kit de navegación segura”,
un manual de Internet fiable que se achega cun filtro de Rede.
As
visitas terán lugar ata o vindeiro 1 de xuño en horario de 10:00 a 14:00 e de
16:00 a 20:00 horas e as cidades e vilas ás que se achegará a “nave” aparecen ao detalle na web do
proxecto.
