En xaneiro, os trámites dos impostos da vivenda poderán realizarse por vía telemática

mércores, 22 de decembro do 2010 Raquel Noya

A partir de xaneiro do ano que vén, grazas á teima do goberno galego por acadar unha administración “máis áxil, moderna e cercana á cidadanía”, poderemos realizar todos os trámites para o pago dos impostos sobre a vivenda comodamente por Internet, algo que a Consellaría de Facenda fará posible a partir da sinatura dun convenio de colaboración co Consello Xeral de Notariado e co Colexio Notarial de Galicia.
Entre outras cousas, este acordo permitirá que os contribuíntes poidan cumprir de forma telemática todos os trámites relativos ao Imposto sobre Transmisións Patrimoniais e Actos Xurídicos Documentados (ITP-AXD) de maneira máis doada e sen perder tempo e paciencia.
En virtude deste convenio, non fará falla acudidr ás oficinas da Consellaría de Facenda para tramitar este imposto, e poderá pagarse dende a propia notaría na que se autorice a escritura pública.
Isto permitirá que, en palabras da titular de Facenda, Marta Fernández Currás, “a tramitación telemática do Imposto sobre Transmisións Patrimoniais e Actos Xurídicos Documentados (ITP-AXD) permitirá diminuír a presión fiscal indirecta, mellorar a eficacia na xestión e reducir os custes administrativos”.
O obxectivo deste convenio é o de establecer un marco de colaboración apropiado que permita aos notarios, en representación dos contribuíntes que voluntariamente o soliciten, facer todos os trámites que actualmente teñen que facer na Consellería.
A partir de agora, segundo informan dende a entidade pública, “á obriga formal de aportar una copia simple do documento notarial poderase substituír pola remisión dunha declaración informativa ou ficha notarial cos elementos básicos da escritura”.
Outras vantaxes que aporta este novo sistema telemático radican nunha maior eficiencia na xestión tributaria, na redución de custes administrativos, na mellora na eficacia xestora e na automatización de procesos que antes levaban horas.
A sinatura deste convenio completa a presentación e pagamento telemático das autoliquidacións correspondentes ao ITP-AXD que xa estaba dispoñible ata o de agora, coa posibilidade, tamén pola vía telemática, das escrituras e demais documentos notariais.