EGANET amplía o prazo de presentación de proxectos aos seus Premios

mércores, 11 de novembro do 2009 Raquel Noya

Beatriz Legerén, presidenta da asociación

A Asociación de Empresas Galegas adicadas a Internet e ás Novas Tecnoloxías (EGANET) vén de ampliar o prazo de presentación de proxectos aos Premios EGANET’09, de maneira que tódalas empresas, entidades ou profesionais que desexen participar neste evento, terán agora ata o vindeiro luns, 23 de novembro ás 24:00 horas, para presentar as súas candidaturas.
Estes galardóns, aos que se poden concorrer presentando proxectos tanto directamente na web como por correo electrónico ou postal, “recoñecen a calidade dos produtos e servizos do sector TIC galego, ademais de representar unha verdadeira plataforma de lanzamento para as empresas do sector e ser un xeito de achegar as TIC á cidadanía galega”.
Este ano, son nove as categorías ás que se poden presentar candidaturas, entre as que destacan a de eEmprendedores, Cultura dixital, Software libre, Tecnoloxía accesible, e-Comercio e Comunicación Web.
Asemade, na gala de entrega de premios, que terá lugar o vindeiro 16 de novembro, esta asociación tamén outorgará o Premio Especial EGANET(para a que non se reciben candidaturas), a aquela entidade ou personalidade galega que dende a última edición dos galardóns máis se esforzase por dar a coñecer e impulsar a realidade galega no contorno Internet e, deste xeito, contribuíse a promocionar as novas tecnoloxías en Galicia.