E-Ponte.com achega dúas formacións online sobre mercadotecnia e escaparates

xoves, 11 de marzo do 2021 Redacción

O servizo E-Ponte.com, o mercado en liña do comercio pontevedrés impulsado pola Concellería de Promoción Económica en colaboración coa plataforma #PonteLovers, prepara dous obradoiros para a vindeira semana destinados, cada un ao seu xeito, a mostrar técnicas para vender máis e mellor e captar novos clientes (e mantelos no tempo). Trátase dun curso sobre mercadotecnia (marketing) na actividade comercial e outro sobre montaxe de escaparates. Terán un total de 160 e 100 horas de formación online, respectivamente.
Estes cursos, segundo indica o Concello, permitirán aproveitar “este complicado momento de crise sanitaria e económica para adquirir novos coñecementos, actualizarse e reinventar os negocios”.
A formación online de técnicas e tecnoloxías de mercadotecnia comezará o xoves 18 de marzo e finalizará o martes 18 maio, mentres que o de escaparatismo iniciarase o martes 16 de marzo e rematará o venres 7 de maio.
En total hai 15 participantes, dos cales a metade son empresas da cidade.
A actividade formativa sobre marketing terá como obxectivo “identificar os elementos básicos relativos á mercadotecnia, o mercado, o produto, os prezos, a investigación comercial, o consumidor, a distribución e a comunicación comercial necesarios para desempeñar as funcións de apoio e colaboración na aplicación e seguimento das políticas de marketing na empresa”.
No curso de escaparatismo abordaranse os labores de desenvolvemento do deseño da montaxe dun escaparate, seguindo os programas de deseño máis empregados.