Down Ourense e Vodafone impulsan a inserción laboral pola vía das TIC
luns, 29 de maio do 2017
A
organización Down Ourense e a Fundación Vodafone España
presentaron a semana pasada, no centro La Molinera de Ourense, os
resultados dunha iniciativa encamiñada a avanzar formación
tecnolóxico-dixital con vistas á inserción laboral das persoas do
devandito colectivo. Trátase de H@ppy Day (Yo
me prep@ro),
unha proposta dirixida tamén aos empresarios, aos que se busca
sensibilizar acerca da súa importancia como axentes derrubadores de
barreiras, atrancos e estereotipos. Ou sexa, que se procura
conciencialos acerca das vantaxes de empregar persoas con síndrome
de Down. Na
presentación, de feito, participaron representantes do tecido
empresarial de Ourense, así como usuarios da devandita organización
local, que relataron a súa experiencia ao abeiro do dito
programa, coa axuda do cal acadaron finalmente un posto de traballo.
Na
sesión lembrouse que Yo me prep@ro é un programa financiado
pola Fundación Vodafone, sendo o seu obxectivo fornecer ás persoas
con características intelectuais diversas as ferramentas e
estratexias necesarias para facilitarlles o acceso ao emprego, a
través das diferentes tecnoloxías implantadas na sociedade: acceso
a Internet, uso do computador, acceso a redes bancarias
informatizadas, comunicación a través da telefonía móbil ou fixa,
consultas en organismos públicos, programación e uso da televisión
e DVD, entre outras operacións e recursos.
No
acto interviñeron o alcalde de Ourense, Jesús Vázquez; o
vicepresidente da Deputación de Ourense e Concelleiro de Servizos
Xerais, Promoción Económica e Emprego, Jorge Pumar; a
vicepresidenta de Down Ourense, Mila Requejo; e o responsable de
Administracións Públicas de Vodafone España en Galicia, Jesús
Sueiro. Tamén se contou coa presenza de representantes do sector
empresarial, como Natalia Barreiros, responsable de Merkal Calzado;
Carlos Mata, responsable da empresa Primux, e Verónica Pardellas,
usuaria de Down Ourense.
Na
súa intervención, a vicepresidenta de Down Ourense, Mila Requejo,
agradeceu que programas como Yo me prep@ro axuden ás persoas
coa síndrome de Down a formarse en novas tecnoloxías,
indispensables para atopar traballo. Requejo explicou que “dos 8
mozos de Down Ourense que participaron neste curso, 4 conseguiron un
contrato de traballo e 6 realizaron prácticas en distintas empresas
da cidade”. O responsable de Administracións Públicas de
Vodafone España en Galicia, Jesús Sueiro, felicitou a Down Ourense
polos resultados obtidos, e enxalzou o carácter nacional do
programa, que celebra a súa terceira edición. Pola súa banda, o
impulsor da empresa Primux, Carlos Mata, compartiu a súa experiencia
contando cun traballador coa síndrome de Down: “Estamos totalmente
satisfeitos con el; leva xa algo máis dun ano, e queremos que siga
no noso persoal; convidaría a calquera a velos traballar no día a
día, e a aprender coa experiencia”.
Máis
detalles sobre o programa en Ourense
Na
provincia están a recibir formación prelaboral TIC oito usuarios de
Down Ourense. Estes alumnos sumaranse a outros en diversas
provincias, alcanzando un total de 240 mozos que recibirán esta
formación en toda España. En total, serán 10.500 horas formativas
apoiadas en sete novos vídeo-titoriais que debullarán os pasos e
instrucións para que os alumnos coñezan a fondo o uso da Internet,
xestionar o correo electrónico ou manexar redes sociais como
LinkedIn, entre outras habilidades.
Desde
a súa posta en marcha en 2014 este programa conseguiu 222 contratos
para alumnos coa síndrome de Down.
