Damos conta dalgunhas recomendacións para non ser os paspáns do ano das compras electrónicas

xoves, 21 de decembro do 2006 Raquel Noya

Haberá por aí, ollando pra esta web e este texto, algún lector que aínda non fixera aínda as case sempre inevitables compras de Nadal? Teremos que turrarlle ben das orellas por deixalo todo para última hora ou debemos solidarizarnos con el ou ela? En realidade, non estamos aquí nin para unha cousa nin a outra, senón para informar e, se é posible, dar consellos de moderada utilidade. Este texto e outros semellantes son un pouco coma unha canción: van especialmente dedicados a alguén, neste caso a todos os que non fan hoxe a cousa desagradable que poden facer mañá. Falamos pois de mercar agasallos na Rede, cousa que aínda se pon máis costa arriba se temos en conta que non paran de medrar os correos lixo, os programas espía e os intentos de fraude comercial e bancario. Non é que queiramos desencadear alarma, pero é que nunca está de máis poñer á xente sobre aviso. Na Rede, existe o home do saco e redacta (mal e a présa) e-mails en nome de bancos pedíndonos os nosos datos. Aquí van uns cantos consellos sobre e-compras.

Un debuxo que dá que pensar

• Non hai que ser moi listo para saber que non hai que abrir correos enviados por unha tal Luisa Maloney ou un tal Stephen Ribeiro. E menos aínda responder. Sumemos polo tanto dous máis dous e fagamos caso só da xente coñecida. Ou é que cando eramos nenos non nos dixeron que non falásemos con descoñecidos? Pois o mesmo na Rede.
• Mal nos vai ir na vida se mercamos a primeira cousa que nos ofrecen e damos con ledicia e indolencia os nosos datos bancarios a calquera trosma que chama á nosa porta en Internet. Se lle facemos o xogo ós spammers, poderemos estar contentos de entrar a formar parte do selecto club de paspáns que, entre un millón de internautas que reciben o mesmo e-mail, van e contestan, dándolle azos á súa existencia.
• Para transaccións en liña o mellor é empregar unha conta de correo secundaria ou temporal.
• Cómpre desconfiar de todo nestas datas. Sexamos un pouco malos e prosigamos a navegación perante calquera cadea de reenvío na que se nos pida axuda por un neno perdido ou por un enfermo desesperado. Hai moitísimas posibilidades de que sexa unha estratexia dos spammers para recompilar enderezos e promover os fraudes en liña.
• Convén empregar tarxetas de crédito temporais ou só de uso electrónico cando teñamos dúbidas razoables sobre a seguridade dun sitio. Os propios bancos son os que subministran este tipo de tarxetas.
• Ler polo miúdo as políticas de seguridade das páxinas web e tamén as condicións de uso (non vaia ser que merquemos algo barato e logo nos carguen o carro con gastos de envío especificados só con letra pequena). Tamén é moi aconsellable comprobar que a tenda virtual onde imos mercar ten número de teléfono e enderezo físico. Asemade, non está de máis chamar para ver se hai alguén ó outro lado. Se non hai liña ou se sae un señor que non se entera de nada, cómpre facer borrón e conta nova.
• O ideal é visitar moitas webs na procura dun mesmo produto. Esta é unha das vantaxes de Internet e sería unha magoa estragala. Se somos preguiceiros ou temos pouco tempo e non nos apetece buscar, hai webs como es.kelkoo.com que fan procuras por nós.
• Non é mala cousa gardar copias dos pedidos con tódolos detalles da compra. Tamén podemos imprimir recibos e confirmacións dos pedidos. É dicir: podemos imprimir todo o que estea ó noso alcance. Isto poderá axudarnos moito en caso de dificultades.
Para máis información cómpre visitar webs como a da Asociación de Internautas ou a do Centro Alerta-Antivirus de Red.es.