Compostela crea unha web para axudar á veciñanza a desfacerse correctamente dos seus refugallos

xoves, 24 de novembro do 2016 Redacción

O concelleiro Xan Duro durante a presentación do novo recurso web

Onte presentábase unha nova web creada para unha mellora xestión dos residuos xerados pola cidadanía de Compostela, trátase do portal Onde o tiro?, un espazo inserido na plataforma do grupo Green Cities ao que pertence a cidade compostelá. Na dita presentación, o concelleiro de Medio Ambiente e Convivencia, Xan Duro, explicou que "este novo servizo permitirá que a veciñanza vexa moi simplificada a tarefa de facer unha correcta xestión dos refugallos, e que calquera saiba que facer con cada tipo de desperdicio que xera". Para iso, o buscador en liña "permítenos indicar cal é o artigo ou residuo do que nos queremos desfacer, e sinálanos o punto máis próximo no que vender, doar ou reciclalo".
Asemade, tamén nos axuda a saber cal é o contedor máis próximo no que temos que depositar desperdicios como papel, cartón, orgánicos ou vidro.
Na web aparecen 24 tipos de refugallos diferentes, dende aceite de motor a tintas de impresión, pasando por téxtil e calzado, vehículos fóra de uso ou restos de podas vexetais.
Aproveitando a ocasión, Xan Duro fixo un chamamento á cidadanía de cara a poñerlle fin aos vertidos incontrolados que seguen aparecendo no termo municipal.
O concelleiro subliñou os lugares nos que aparecen os vertidos incontrolados con maior frecuencia, onde hai unha maior vixilancia policial e sinais advertindo da prohibición de tirar lixo e entullos, trátase da: Cruxeira, a Granxa de San Lázaro, Brins (na contorna do circuíto de motocross), o antigo vertedoiro municipal de Aríns, Figueiras, Villestro, a Estación do Casal, O Porto e Amio (Pena Corveira).