Completado o acceso a redes de 100 Mbps noutros 19 centros educativos galegos

luns, 25 de novembro do 2013 Redacción

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) informou esta fin de semana que xa completou, nos tres últimos meses, a implantación de redes de nova xeración con 100 Mbps en 19 centros da Consellería de Cultura das catro provincias. Deste xeito, engade a Axencia, “en Galicia son xa 219 os centros educativos aos que se lles facilitou o acceso a esta tecnoloxía no último ano grazas ao Plan de Banda Larga da Xunta”. A maiores, AMTEGA duplicou a velocidade de suba en tódolos centros con conexións ás redes NGA, que pasan de 5 a 10 Mbps de velocidade.
“A implantación de redes de 100 Mbps”, informa a Axencia, “permite multiplicar por 10 a velocidade de baixada e, deste xeito, o alumnado pode ter un acceso máis efectivo á Rede, sen esperas ou contratempos; pode conectarse simultaneamente un maior número de usuarios e permite o funcionamento de máis aplicacións informáticas cun tempo de resposta axeitado”.
A mellora da conectividade dos centros educativos é unha medida que xorde do Plan de Banda Larga de Galicia, posto en marcha pola Xunta, que contempla entre as súas actuacións, e en colaboración co operador R, a extensión destas redes de nova xeración (NGA) coas velocidades máis punteiras.