Chega Prestogal a Compostela, un novo xeito de emprender e partillar

venres, 29 de xaneiro do 2016 Redacción

Como ben dicía o director de cinema italiano P.P. Pasolini, o grande mal que nos afecta (alén da pobreza e da explotación) é a perda de singularidade humana por mor do consumismo. Para facer fronte ao consumo excesivo que nos azouta nesta sociedade capitalista na que nos movemos, xorde o movemento do consumo colaborativo, unha mudanza cultural e económica nos hábitos de consumo individualizado cara a novos modelos potenciados polos medios sociais e as plataformas de tipo peer-to-peer (rede-entre-pares ou rede-entre-iguais). Emporiso, damos conta do nacemento dunha plataforma web pública con filosofía solidaria e feitura colaborativa, estamos a falar de Prestogal, un espazo web que quer promover e potenciar o consumo colaborativo na nosa cidade. Facer máis doado o intercambio, empréstamo e cesión de recursos entre os veciños e veciñas da cidade.
Na mañá de onte presentábase este proxecto no local Hervor & Fervor xunto á concelleira de Políticas Sociais, Concha Fernández, traballadoras sociais, representantes da Asociación de Veciñas e Veciños As Marías e seis traballadoras de Promove, a empresa compostelá encargada de deseñar, adaptar e introducir o formato-modelo previo de Prestogal ao ámbito do concello compostelán.
Pola súa banda, o Concello de Santiago, apostou por esta idea de cara a impulsar o cambio cara a unha sociedade mais sostible e solidaria comezando dende o eido local, así ponse en marcha o Prestogal veciñanza.
A quen vai encamiñado este programa? Pois vai dirixido ás asociacións veciñais, para que sexan as persoas socias as que poidan acceder ao uso da plataforma. Deste xeito, non só se fortalece a relación entre as persoas que forman parte da asociación, senón que serve de estímulo para que outras persoas do bairro se asocien.
Asemade, o persoal da área de Políticas Sociais que fai a intermediación con persoas sen recursos do concello terá un perfil de usuario na plataforma para lanzar peticións que poidan ser respondidas por veciños e veciñas solidarias de Compostela.
Un convenio asinado entre o Concello e a Asociación veciñal As Marías, permitirá que a ferramenta bote a andar entre a veciñanza das rúas: Espírito Santo, Basquiños, Pastoriza, Santa Clara, San Roque, Oviedo, Avda. de Coimbra, Avda. de Salamanca e Praza de Ultreia.
Amais da ferramenta web, o proxecto piloto repara tamén na identificación e implicación dos responsables dos Puntos Prestogal no bairro, que poderán ser establecementos de hostalería, comercios ou centros socioculturais que sirvan de puntos de encontro para facer as cesións, os empréstamos ou os intercambios. O primeiro punto Prestogal identificado no bairro é o local de hostalería Hervor&Fervor.
Engadir que os puntos Prestogal estarán identificados cun letreiro na porta, e no interior do establecemento haberá uns flyers explicativos do proxecto.